O barrio do Burgo conta cun novo parque con dúas pistas de petanca

O novo espazo, de máis de 650 metros cadrados, conta con bancos, árbores, xardíns, fonte e sistema de iluminación

Autoridades e veciños na inauguración do novo parque do Burgo. DP
photo_camera Autoridades e veciños na inauguración do novo parque do Burgo. DP

Pontevedra conta desde este venres cun novo parque de 652 metros cadrados dotado de dúas pistas de petanca e de zonas sombra e descanso no barrio do Burgo. A zona verde está entre a rúa Fernández Cochón e a avenida de Compostela, na parte traseira do Pavillón Municipal dos Deportes, nunha parcela que estaba moi degradada e acumulaba maleza. 

Os traballos de rexeneración paisaxística executados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, nos que se investiron uns 43.000 euros, incluíron a limpeza dos terreos, a demolición dos vellos muros e a nivelación, afirmado e rasanteado da parcela. Ademais, pavimentouse e instaláronse unha fonte, papeleiras e bancos corridos, así como un circular.

Tambén se habilitou un sistema de iluminación que permitirá xogar á petanca en condicións de pouca luz natural e polas noites, o que aumenta as horas de uso das pistas durante o inverno. 

O parque foi inaugurado oficialmente este venres polo rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nun acto ao que asistiron veciños e membros da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra. Ao finalizar as intervencións institucionais, os mestres petanqueiros ofreceron aos responsables políticos unha clase rápida de petanca, abrindo a quenda para que os dirixentes puidesen amosar a súa destreza. 

Lores, xogando á petanca, no novo parque do Burgo. DPO alcalde lembrou que, tras esta actuación, Pontevedra xa dispón de doce terreos dotados de campos de petanca. Máis aló dese deporte, Lores destacou que hai importantes intervencións proxectadas nese barrio, coa inminente ampliación do novo parque cara unha parcela anexa ou a continuidade do Camiño Portugués pola Santiña. "É unha espiña que teño cravada, porque probablemente sexa o espazo público utilizado con peor calidade neste momento e que, en consecuencia, é unha prioridade para nós", dixo.

O Concello aspira a ampliar o espazo coa parcela adxacente

Tino Fernández, pola súa banda, subliñou que as obras realizadas tamén supuxeron unha mellora na accesibilidade e a comunicación coa zona de Pasarón e coa avenida de Compostela, "ao xerarse unha senda que conecta o parque coa capela de Santiaguiño do Burgo". Ademais, avanzou a súa intención de ampliar a rede de equipamentos de petanca do municipio coa creación de sete novos campos neste mandato. 

Entre tanto, o concelleiro Iván Puentes amosouse "encantado" cos resultados da intervención realizada e lembrou que a súa intención é "darlle continuidade ao proxecto incorporando ao parque outros 400 metros cadrados de superficie da parcela adxacente", que durante meses ocupou un vehículo abandonado. "Deste xeito, os veciños poderán contar cunha zona verde moito máis ampla, de máis de 1.000 metros cadrados, na que se crearán unha pista de petanca máis e dous xogos de chave. Esta nova actuación situaría o investimento global do proxecto en máis de 86.000 euros", dixo.

Comentarios