Benestar Social recibe 13.000 máscaras para repartir entre os colectivos máis vulnerables

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro Marcos Rey supervisaron esta mañá no Parque Móbil do Estado a recollida do material, que se distribuirá a través de diversas entidades
Os packs de máscaras. DP
photo_camera Os packs de máscaras. DP

O tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, desprazáronse esta mañá de luns ata o Parque Móbil do Estado para supervisar a recollida das 13.000 máscaras de protección que o Estado, a través da Subdelegación do Goberno, puxo a disposición do Concello de Pontevedra para repartir entre os colectivos máis vulnerables.

O material recibido, organizado en packs de 50 unidades, forma parte da última remesa de 192.000 máscaras que a Subdelegación distribuirá por toda a provincia e que os Servizos Sociais do Concello capitalino fará chegar ás persoas que máis o precisan a través de diversas entidades.

Tino Fernández asegurou que este operativo, o quinto posto en marcha polo Executivo de Pedro Sánchez dende o pasado mes de abril, suporá o reparto de case un millón de máscaras en Pontevedra por parte do Estado. Tal e como avanzou Marcos Rey, os Servizos Sociais coordinaranse coas asociacións veciñais e entidades sen ánimo de lucro da nosa cidade “para que estes milleiros de máscaras cheguen aos máis vulnerables coa maior celeridade e nas mellores condicións posibles”.

Comentarios