Benestar Social reparte vales de Nadal para adquirir alimentos entre os máis vulnerables

Froiz, Calor e Café, comedor de San Francisco, Rexurdir, Cáritas, O Mirador, Club de Leóns e Banco de Alimentos son as entidades que colaboran co Concello nesta iniciativa
Marcos Rey, José Luis Doval e Tino Fernández, este xoves na sede do Banco de Alimentos de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Marcos Rey, José Luis Doval e Tino Fernández, este xoves na sede do Banco de Alimentos de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Concellería de Benestar Social puxo en marcha unha campaña consistente no reparto de vales de Nadal para a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade que se distribuirán ao longo das vindeiras datas entre os máis vulnerables. O departamento que dirixe o socialista Marcos Rey destinou unha achega económica de 15.000 euros a esta iniciativa solidaria, que conta coa colaboración de sete importantes entidades sociais da nosa cidade e cuxos bonos poderán trocarse por comida e outros artigos no Hiper Froiz da rúa Cobián Roffignac.

En concreto, os bonos faranse chegar aos responsables do Banco de Alimentos de Pontevedra, o Club de Leóns, a Asociación O Mirador de Monte Porreiro (que xestiona o banco de alimentos existente no barrio), Cáritas, o comedor de San Francisco, Rexurdir Provincial e o albergue de Calor e Café (San Vicente de Paúl).

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e Marcos Rey, desprazáronse este xoves ata o almacén que a Fundación Provincial Banco de Alimentos posúe no número 2 da rúa Faustino Santalices para entregarlle ao seu responsable, José Luis Doval, un dos vales desta campaña solidaria.

Un voluntario del Banco de Alimentos de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Rey agradeceu a colaboración da firma Froiz, que puxo a disposición da iniciativa o seu Hiper Froiz de Pontevedra, "que é o máis céntrico e o que ten un pouquiño de todo", e asegurou que "neste concello a ninguén lle vai faltar nunca un prato de comida, e menos aínda nestes momentos tan difíciles e nestas datas tan sensibles".

Pola súa parte, José Luis Doval avanzou que o Banco de Alimentos de Pontevedra non vai agardar para facer a compra de comida desta campaña e "mañá mesmo –polo venres– estaremos no Hiper Froiz para recollela e traela ao almacén". "Vennos moi ben –admitiu–, xa que é necesario incrementar un pouco o acopio de alimentos do almacén, que hai uns días estaba cheo e que xa empeza a escasear. Estamos máis ou menos cubertos para o Nadal, porque vimos de despachar practicamente todos os alimentos que tiñamos previsto repartir nestas datas".

Comentarios