lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

O BNG apela ao "cabreo" cidadán coas forzas estatais para volver a Madrid

Berta Roldán, Lores, Carme da Silva, Kiko da Silva e Ana Seoane. D. FREIRE
Berta Roldán, Lores, Carme da Silva, Kiko da Silva e Ana Seoane. D. FREIRE
Os nacionalistas reivindícanse como "a voz do país" para eliminar as peaxes da AP-9, sacar Ence da ría e dar solucións á pesca e o viño ante o Brexit e os aranceis de Estados Unidos

O BNG lánzase ás cuartas eleccións xerais desde 2015 co obxectivo de regresar á política española. A formación nacionalista apelou este mércores ao "cabreo" cidadán coas forzas estatais para volver ter escano en Madrid catro anos despois.

"A xente debe transformar o cabreo ante a incapacidade de chegar a acordos e convertelo nunha oportunidade de facer algo diferente o vindeiro 10 de novembro: apostar pola candidatura do BNG, que só ten a cabeza posta neste país", asegurou a cabeza de cartel do Bloque pola provincia, Carme da Silva, durante un almorzo informativo con algúns dos membros da candidatura nacionalista do 10N: Berta Roldán (de Compromiso por Galicia, partido que se uniu ao BNG nestes comicios), Kiko da Silva e Ana Seoane.

Da Silva, que repite como número un por segunda vez consecutiva logo das candidaturas de Carme Adán (decembro de 2015) e Luís Bará (xuño de 2016), reivindicou o papel dos nacionalistas na capital estatal. "A autovía A-57 avanzou cando o BNG estaba non Congreso", asegurou.

Carme da Silva: "Ana Pastor (ex número 1 do PP por Pontevedra) preferiu ser secundaria en Madrid. Porque o único interese que teñen é Madrid"

A edil pontevedresa tamén reivindicou a formación nacionalista como "a voz do país" para eliminar as peaxes da AP-9, sacar a Ence da ría e dar solucións a sectores produtivos como pesca e o río, pendentes do Brexit e da política arancelaria prevista por Estados Unidos. "Pedirémoslle á xente que confíe en si mesma, non no BNG. Iso si, nós presentámonos sen ataduras e sen submisións a Madrid", recalcou.

A cabeza de cartel do Bloque por Pontevedra cargou, a preguntas dos xornalistas, contra as fichaxes do PP. "Ana Pastor (ex número un do PP pola provincia) preferiu ser secundaria en Madrid. Porque o único interese que teñen é Madrid", criticou Da Silva, que tamén cuestionou a incorporación da rexedora de Marín, a popular María Ramallo, á lista do Partido Popular. "Ser alcaldesa como moitísimo tempo e traballo", dixo para arroxar dúbidas sobre a compatibilidade do cargo de primeiro edil coa de deputada en Madrid. "Os alcaldes nin sequera son elixibles no Parlamento galego", engadiu.

Da Silva non aclarou, con todo, que fará se obtén escano en Madrid. A preguntas dos xornalistas sobre se dimitiría do cargo de concelleira en Pontevedra, a nacionalista asegurou que "no caso de que sexa necesarios, si".

Fernández Lores: "Temos que rematar con esa seca e con eses catro anos de investimentos perdidos da Administración central na nosa cidade"

LORES. Ao acto do BNG tamén asistiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou a "experiencia contrastada" de Da Silva e que a presenza do Bloque nas Cortes estatais "é prioritaria" porque alí se debaten "as cousas para comer".

"Temos que rematar con esta seca e con eses catro anos de investimentos perdidos da Administración central na nosa cidade", dixo.

 

A quinta forza da provincia nas últimas tres xerais
O BNG mantense como quinta forza da provincia de Pontevedra desde as últimas tres eleccións xerais. En 2015 quedou fóra do Congreso por primeira vez ao obter 26.537 votos. En 2016 baixou a 16.793 sufraxios e nas de abril deste ano rabuñou un total de 32.132 apoios cidadáns nas urnas.

En 2011, terceiro partido 
Nas xerais de 2011, o BNG era a terceira forza a nivel provincial con 67.227 votos. Agora perdeu a metade.

O BNG apela ao "cabreo" cidadán coas forzas estatais para volver a...
comentarios