O BNG aposta por implantar un transporte público a demanda en Pontevedra

Fernández Lores espera contar co apoio do sector do taxi nesta proposta "pioneira" en Galicia

Lores y su equipo de gobierno, este lunes en la parada de taxi de la Alameda. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lores e o seu equipo de goberno, este luns na parada de taxi da Alameda. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Pontevedra e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que no próximo mandato abordará unha proposta para impulsar transporte público colectivo a demanda en todo o municipio, para o que espera contar co sector do taxi.

O obxectivo é implantar un modelo "que atenda as necesidades dunha sociedade avanzada e moderna, cunha solución pioneira que resolva os problemas dos cidadáns do século XXI", destacou Fernández Lores nunha comparecencia pública, acompañado de varios membros da súa candidatura e dun representante da Asociación provincial de taxis.

O candidato nacionalista insistiu en que a posibilidade de pór en marcha esta proposta "pioneira" en Galicia "só chegará das mans do BNG, se consegue maioría suficiente para gobernar con folgura no próximo mandato municipal".

Fernández Lores explicou que as necesidades derivadas da dispersión da poboación "non se resolven con propostas do século pasado con autobuses baleiros dando voltas polas corredoiras". "O primeiro que imos facer é traballar duro para que no prazo máis curto posible se poida pór ese transporte ecolóxico, coordinado coas outras administracións e cos recursos existentes, social e economicamente sostible".

Deste xeito, o rexedor apostou por potenciar un novo modelo en materia de transporte, do mesmo xeito que se fixo en materia de mobilidade e se está "facendo coa compostaxe"

Este transporte a demanda daría servizo ás diferentes parroquias para que todos os veciños poidan acudir aos servizos básicos (centros sanitarios, centros administrativos, etc) con vehículos de baixa capacidade (taxis ou pequenas furgonetas).

Os horarios nos que funcione, os puntos aos que se dirixa e a frecuencia deste transporte negociaranse cos sectores sociais e económicos implicados.

Ademais, Fernández Lores quere coordinar coa Xunta o transporte colectivo que dea os servizos necesarios para o continuo urbano Poio - Pontevedra - Marín. Nese ámbito entende que é "imprescindible" conectar con rutas regulares os eixos: Marín - Pontevedra - Montecelo; Poio - Pontevedra - Montecelo e tamén Pontevedra - Montecelo - Monte Porreiro - O Burgo.

Asegura tamén que será preciso definir co Goberno galego, co movemento asociativo de Pontevedra e coas empresas do sector o número de liñas, a frecuencia das viaxes e o percorrido para cumprir os criterios de eficiencia social, económica e ecolóxica.

Fernández Lores tamén se propón negociar coa Xunta as liñas do Transporte Metropolitano de Pontevedra.

Finalmente o programa electoral do Bloque inclúe neste apartado a posta en marcha dun sistema informático para xestionar o transporte público de Pontevedra que posibilite a solicitude dos vehículos de transporte a demanda (aplicación de móbil para acódelas usuarias, sistema de xestión compatible co usado polos taxistas, ferramenta de xestión nos vehículos e información nas paradas), a información e a xestión do transporte colectivo.

Comentarios