O BNG asegura ser a única forza política en garantir a compostaxe na cidade

"O que fixemos antes coa mobilidade, ímolo facer agora co tratamento dos residuos", confirmou Fernández Lores

Lores e varios candidatos, xunto ós composteiros de Eduardo Pondal. R.F.
photo_camera Lores e varios candidatos, xunto ós composteiros de Eduardo Pondal. R.F.

O alcalde e candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou este sábado que o BNG é a única forza política que garante o sistema de compostaxe na cidade, xa que os demais partidos políticos están en contra. Afirmou que "o único que está a tirar da compostaxe é o BNG, e a pesar das trabas que están a pór o resto de forzas, os cidadáns están a favor".

Nun acto celebrado ante os centros de compostaxe comunitaria de Eduardo Pondal en compañía de grande parte da candidatura, de militantes e simpatizantes do BNG, Fernández Lores comprometeu o avance do tratamento de biorresiduos no vindeiro mandato que permitirá que Pontevedra sexa a primeira cidade en Europa en cumprir coas directrices da UE, así como da lexislación estatal e galega.

O candidato lembrou que "o rexeitamento inicial que houbo -moi anecdótico- estivo propiciado pola oposición", e que na actualidade hai moitísima xente que participa ou quere participar deste proxecto pioneiro que require concienciación, colaboración activa dos veciños e veciñas, e traballo porta a porta para que funcione.

"Estamos falando de procesos que van na liña correcta da sustentabilidade e da cidade que estamos a construír, evitando o avance do cambio climático. Ao igual que o fixemos antes coa mobilidade, ímolo a facer agora coa compostaxe", garantíu.

Comentarios