Pontón esixe á Xunta que colabore para rehabilitar o convento de Santa Clara

"Núñez Feijóo debe ser consciente de que ten que comprometerse con Pontevedra", apuntou a portavoz nacional do BNG

Pontón y Lores, este martes en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Pontón e Lores, este martes en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este martes á Xunta de Galicia que colabore na rehabilitación do convento de Santa Clara, recentemente adquirido polo Concello de Pontevedra.

Nun acto celebrado en Pontevedra, Pontón asegurou que o goberno galego "debe implicarse" neste proxecto e achegar fondos para unha actuación de recuperación patrimonial ante a que "non poden porse de perfil".

"Non podemos seguir vendo como administracións que teñen a obrigación de colaborar se poñen á contra", sinalou a dirixente nacionalista, que engadiu que "estamos ante un momento clave" para a reactivación económica e para "repensar" as cidades.

Núñez Feijóo "debe ser consciente", segundo Pontón, que ten que "comprometerse con Pontevedra" e iso pasa, dixo, porque colabore con proxectos como o de Santa Clara.

A líder do BNG censurou o "inmovilismo" da Xunta de Galicia e do Goberno central coa cidade de Pontevedra e advertiu que, ante proxectos que seguen paralizados, "non queremos máis compromisos, queremos realidades"

Centrada na transformación de Pontevedra, Pontón reiterou o seu "orgullo" porque o BNG leve desde 1999 desenvolvendo políticas que a converteron nun referente internacional.

O executivo presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, segundo a dirixente nacionalista, demostrou "visión de futuro" con propostas "de vangarda" que se adiantaron en décadas "a temas que hoxe están na axenda" como a mobilidade sostible, a recuperación do espazo público, o coidado do medio ambiente ou a loita contra o cambio climático.

No escenario actual, segundo a portavoz nacional do BNG, Pontevedra "ten os deberes feitos" e conta cun alcalde "máis forte que nunca" e acompañado dun "equipo de dez" que é capaz de seguir "reinventando" a cidade para mellorar a vida dos seus cidadáns. 

Comentarios