O BNG pide o traslado de Elnosa a outro punto da comarca

Tras o anuncio do peche da fábrica de Lourizán, Luís Bará cre que se abriu a porta a unha "oportunidade histórica" para "devolver a Pontevedra o que por xustiza lle corresponde"

Fachada de Elnosa. DAVID FREIRE
photo_camera Fachada de Elnosa. DAVID FREIRE

O deputado do BNG Luís Bará pediu á Xunta de Galicia que recupere o convenio asinado con Elnosa en 2016 para trasladar a fábrica a outra localización dentro da comarca de Pontevedra. "Se tanto piaban polos postos de traballo, que se poñan ao choio, porque aínda están a tempo", aseverou. 

Co anunciado peche da fábrica de Elnosa o próximo 29 de xullo, data na que caduca a súa concesión de Costas, estase "na conta atrás da saída da ría de dúas empresas contaminantes", segundo Bará, que ve un "primeiro paso" para recuperar os terreos que ocupa o complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán. 

Para o nacionalista, o cambio de Goberno en Madrid abre a porta a unha "oportunidade histórica" que permita "devolver a Pontevedra o que por xustiza lle corresponde". 

Bará celebrou o "fracaso" da estratexia "planeada polo PP" para autorizar a continuidade da clorera fronte " oposición frontal" do Concello e a unha "batalla" social, institucional e xudicial. 

Ademais, sinalou que agora o obxectivo é recuperar os 12.000 metros cadrados que ocupa Electroquímica do Noroeste SA (Elnosa), nas marismas de Lourizán, para o que instou ao Goberno a aprobar o proxecto para desmantelar as instalacións e descontaminar os terreos. 

SAÍDA DE ENCE. Así mesmo, asegurou que a saída de Ence tamén é posible, polo que o Goberno de Pedro Sánchez debe tomar unha decisión "urxente" antes do 29 de xullo, xa que reitera que a prórroga concedida en 2016 "non é firme" porque ao haber varios recursos expostos pódese anular aínda. 

Así, pediu ao PSOE que sexa "consecuente e coherente" e actúe "con valentía" para dar pasos que permitan "expulsar" á pasteira da ría, deixando ao carón "manobras dilatorias". 

Xunto á aprobación dun proxecto para reordenar os usos futuros dos terreos de Lourizán, respectando as directrices de ordenación do territorio e o plan de ordenación do litoral aprobado pola Xunta, o deputado do BNG reclamou medidas para "paralizar" a construción da planta de biomasa que Ence proxecta en Pontevedra. 

Comentarios