O BNG propón unha axenda urbana baseada no "modelo Pontevedra"

Para Ana Pontón a cidade do Lérez é unha "referencia de cambio transformador" desde o punto de vista ecolóxico
Ana Pontón. EP
photo_camera Ana Pontón. EP

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, propuxo este venres unha 'axenda urbana' baseada no "modelo Pontevedra" para afrontar a emerxencia climática e a crise sanitaria. 

Acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola cabeza de lista por esta provincia, Luís Bará, a líder nacionalista comprometeuse a que, "se o 12 de xullo os galegos e as galegas dan ao BNG a capacidade para liderar o Goberno", porán en marcha o primeiro ano unha axenda urbana en Galicia. 

Para Ana Pontón a cidade do Lérez é unha "referencia de cambio transformador" desde o punto de vista ecolóxico, "un exemplo internacional" co seu modelo que pon ás persoas no centro e que "aposta pola sustentabilidade e por espazos públicos máis amables a unha escala humana". 

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Ana Pontón anunciou que a Axenda Urbana que propón o BNG está orientada a conseguir a "gran transformación que requiren todas as cidades e as distintas localidades no país" e que o exemplo de Pontevedra "é un aval e unha garantía" de que o nacionalismo pode conseguir ese obxectivo porque ten "unha experiencia importante". "Estamos preparados para gobernar", aseverou. 

Neste sentido, a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, insistiu en que "o PP non ten un modelo encima da mesa", mentres que o do BNG pódese "comprobar e contrastar".

REDUCIR A CONTAMINACIÓN. Segundo detallou Ana Pontón, os principais criterios que se incluirán na proposta de Axenda Urbana do BNG pasan pola minimización da contaminación urbana de todo tipo, a redución efectiva das emisións de gases de efecto invernadoiro e tamén medidas para lograr que os asentamentos humanos sexan cómodos, agradables e seguros, con especial énfase na "actualmente moi deficitaria seguridade viaria". 

Ademais, o Bloque avoga pola compostaxe da fracción orgánica, limitar a ocupación indiscriminada do territorio e por reducir o consumo de enerxía dos servizos urbanos.