Boa Vida centra a campaña de Nadal na doazón de xoguetes en varios puntos

DAVID TENDA DE BOA VIDA (Santa Clara): presentacion de novos espazos seguros de cara ao Nadal, martes, 24 nov · 11:30–11:30
photo_camera Pepa Vázquez e Lourdes Bustamante, onte na tenda.

"Ante a incerteza coa que vivimos nos tempos actuais de pandemia o Nadal colle aínda mais sentido, e dende Boa Vida sumámonos ao sentimento de esperanza que estas datas nos inspiran". Así o explica Lourdes Bustamante, responsable da tenda solidaria da rúa Santa Clara, quen xunto a Pepa Vázquez presentou onte a campaña centrada nestas datas, cos xoguetes como protagonistas.

"Este ano queremos achegar especialmente á cidadanía á nosa tenda solidaria e facilitando novos espazos ademais do xa clásico mercado de xoguetes no que se poden atopar artículos para todas as idades provintes de doazóns, que o persoal de Boa Vida prepara con agarimo e dedicación".

A asociación garante a "perfecta desinfección" e o "correcto tratamento sanitario" de todos os obxectos que pasan pola súa tenda, para poder utilizar ditos produtos con total seguridade.

Nesta ocasión, ademais, pon en marcha a campaña 4x1, mediante a cal se poderán mercar catro pezas de roupa por só un euro. Así mesmo, para poder aplicar os necesarios protocolos sanitarios de seguridade, habilitarase tamén a entrada secundaria da tenda, na rúa transversal, Álvaro Cunqueiro.

Na tenda solidaria de Boa Vida "traballamos todo o ano para lle dar unha segunda oportunidade aos obxectos... e ás persoas".

Así, calquera pode depositar as súas doazóns de todo tipo de produtos nos puntos de recollida habilitados na cidade, pero nesta época do ano, remarcan, "precisamos especialmente doazóns de xoguetes en bo estado para a campaña de Nadal". Por iso piden colaboración para «un Nadal sostible e axudar a que ningún cativo ou cativa quede atrás nestas datas tan especiais". Así, "ademais de facer feliz á persoa que recibe o teu agasallo, contribúes coa túa solidariedade a crear un mundo máis xusto no que os teus veciños con máis dificultades son os beneficiarios directos da túa acción".

Para facilitar as entregas de todos eses produtos, a Asociación Boa Vida mantén en funcionamento diversos puntos de recollida: na sede da UNED en Monte Porreiro, na facultade de Ciencias Sociais do campus, nos institutos Xunqueira I e II, no CEIP Froebel e mesmo no Concello de Vilaboa. A cidadanía pode consultar en calquera momento a ubicación destes puntos de recollida na súa web: boavida.org.

Comentarios