A Boa Vila tínguese de ambiente francés ao son da música de cabaré

Las Antonias Band e o pasarrúas Trad Cabaré Itinerante deron o pistoletazo de saída este xoves ao ciclo adicado a estes espectáculos de variedades, que ata o domingo marcarán o ritmo na Ferrería 
22_00 horas_ Praza da Ferreria_ Comienza Cabare_ Cabare_ Las Antonias Band_
photo_camera Algúns dos asistentes na Praza da Ferrería. GONZALO GARCÍA

A BOA VILA foi tinguida onte dun ambiente francés que se prolongará no que resta de semana. O ciclo Cabaré, Cabaré!, enmarcado dentro do programa de verán O Son da Rúa, arrancou na Praza da Ferrería sorprendendo ao público pontevedrés cun espectáculo único que non deixou indiferente a ninguén. 

Dende o mediodía, Pontevedra comezou a sentir os ritmos do cabaré da man do pasarrúas Trad Cabaré Itinerante, da compañía Nelson Quinteiro Producións. Recorrendo o casco histórico da cidade, o grupo amosou a súa conxugación de swing, jazz, burlesque, empoderamento e fusións entre, obviamente, o cabaré, e a cultura, danza e música tradicional. A Boa Vila puido asistir ao que a propia banda considera "un peculiar laboratorio de movemento".

Cando a noitiña xa chegara á cidade o cabaré volvou facer acto de presenza. Esta vez na Ferrería, onde os focos apuntaron cara ao grupo Las Antonias Band, que deleitou a todos os asistentes cunha longa lista de cancións clásicas redeseñadas nas que non faltou para nada o humor e unha elaborada combinación de estilos. O seu propósito era devolverlles ás cancións de toda a vida o empoderamento que as mulleres merecen. Sen dúbida algunha fixérono este xoves.

22_00 horas_ Praza da Ferreria_ Comienza Cabare_ Cabare_ Las Antonias Band_

Pero o cabaré non para na Boa Vila e este venres ás 12 horas un novo pasacarrúas volverá encher de música e provocación as rúas pontevedresas. Neste caso será o espectáculo Unha cadeira para mover o mundo, da compañía Femme Fatale, o encargado de facer vibrar a todas as persoas que circulen pola cidade cun argumento arredor do propio xénero. Ás 22 horas será a quenda do grupo Neil Swing Sexteto, que cubrirá A Ferrería de cor, música, danza e unha nova forma de facer swing.

O sábado será Cabarédeambulante o grupo encargado de realizar o pasarrúas do mediodía. Será un espectáculo baseado na explosión de cor, sensualidade, ambigüedade e fortes doses de "glamour coreográfico" co obxectivo de irrompir na realidade máis cotiá. Pola noite, A Ferrería será o lugar onde Un Cabaré Berlinés Atemporal! desenvolva o seu espectáculo, co que interán trasladar a Pontevedra ao ambiente dos anos 20 e 30.

O domingo, o pasarrúas Valga Jazz & Swing Band envolverá a primiera mañá do mes de agostocun aire festivo e musical co seu espectáculo arredor do centro histórico de Pontevedra. Poñendo o colofón final a este ciclo, o show de Fala-Me. Trad Cabaré será o protagonista da noite na Praza da Ferrería. Mesturando a danza e música tradicionais cos xogos de palabras, a poesía e a sensualidade, este grupo cerrará esta semana á francesa na cidade, cun ciclo que promete vir para quedarse.

Comentarios