Boaventura de Sousa: "A resistencia existe"

Dise impresionado por Pontevedra. "E teño que dicir que o voso alcalde me fascinou. Non tanto polo seu discurso senón polo que foi capaz de facer. Hoxe esta cidade é un modelo en todo o mundo". O sociólogo Boaventura de Sousa acaba de pasar pola Semana Galega da Filosofía. 

boaventura_RafaFari_i1-19
photo_camera O sociólogo portugués Boaventura de Sousa no Parador de Turismo de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Lembra Boaventura de Sousa (Coimbra, Portugal, 1940) que veu a Pontevedra nos anos 90. "E volvo agora, á mesma Semana da Filosofía, pero dirixida pola filla do home que estaba á fronte dela daquela", indica. "Como é posible que este encontro teña 36 anos? Non coñezo nada semellante nin en España nin en Portugal. Non é un festival de jazz, é un encontro de filosofía. É marabilloso". O profesor De Sousa, formado na Universidade de Yale, catedrático xubilado da Universidade de Coimbra, é un sociólogo de enorme popularidade e prestixio, que acadou sona internacional como un dos impulsores do Foro Social Mundial. Acaba de participar na Semana Galega de Filosofía.

É vostede un sociólogo que chega a un territorio en campaña electoral. Interésalle observala? 

Eu observo moi de preto a vida política española sempre. Teño contactos en Madrid, mais tamén en Cataluña e en Galicia. Estou moi atento ao que sucede neste periodo que, ao meu modo de ver, é un periodo moi complicado. Emerxeu unha forza política nova que non estaba na Transición do 78. Parecía que Podemos, agora Unidas Podemos, sería a que acabaría co bipartidismo pola esquerda e vese que pode ser que suceda iso mesmo pero pola dereita. Para Portugal e para Europa sería moi importante que se puidese crear un Goberno de esquerdas no Estado Español. Estamos nunha situación moi difícil no continente, onde a extrema dereita pode comezar a gañar máis e máis poder. 

Na campaña electoral española estase a falar moito do mesmo que analizan este ano na Semana Galega de Filosofía: as fronteiras. Pódese entender un mundo sen elas?

Pódese. Eu deséxoo así. O problema de Europa é que non soubo resolver o seu colonialismo. Nós temos un deber histórico con esa xente. A prosperidade da que gozamos hoxe en Europa foi conquistada a base da apropiación de recursos naturais en África. Hai que intentar acollelos da mellor maneira. Porque llo debemos. Se estes países ficasen autónomos e independentes no seu momento, non estarían na situación na que están hoxe. Aínda hoxe, as empresas europeas queren continuar a explorar a riqueza deses países. Que lle queda entón aos seus cidadáns? Emigrar. Así se converteu o Mediterráneo, o mar que unía o norte e o sur de Europa, nun cemiterio líquido. Se existise ese pacto europeo con respecto á inmigración non habería ningunha crise nin tería emerxido a extrema dereita en Europa. A extrema dereita reaparece a causa da inmigración e da política do resentimento na que as vítimas se viran contra as vítimas. A clase media, que o mercado financieiro internacional está a espremer, que ve recortadas a sanidade pública e a educación pública, culpa ao inmigrante que vai vir e vai consumir os seus servizos. Como pode ser culpa deles? Pero se a Unión Europea necesita importar entre 20 e 30 millóns de mozos nos próximos 30 anos! Precisámolos! A extrema dereita e esas políticas miopes están a prexudicar o futuro de Europa.

A extrema dereita enfronta vítimas contra vítimas. As políticas miopes e do resentimento prexudican o futuro de Europa

O seu é un contundente discurso anticapitalista. O capitalismo é o pai de todos os males da sociedade contemporánea?

Do capitalismo, que nunca actúa só, saen o colonialismo e o patriarcado. A actitude que mantemos cos refuxiados é unha actitude colonial. Se morresen 30 españois no Mediterráneo, mesmo españois sen recursos, consideraríase unha gran catástrofe. Mais morren 3.000 inmigrantes e non pasa nada. Non é xente. Son subhumanos, seres inferiores. Pasa o mesmo coas mulleres. A pesar de todo o movemento feminista, o feminicidio está a aumentar no mundo. Porque cando o capitalismo se torna máis agresivo, precisa degradar o traballo das mulleres.

Está a aumentar ou é cada vez máis visible?

A invisibilidade é unha cuestión pasada. Hai anos si que era invisible. Hoxe non, hoxe aumenta. De novo: a vítima contra vítima. O home desempregado ou vitimizado no traballo, non se vira contra o patrón, vírase contra a muller. Ou contra o inmigrante.

O meu traballo é darlle un pouco de esperanza a quen só ten medo e un pouco de medo a quen só ten esperanza. A loita ten que pasar non por ocupar as rúas senón por ocupar os bancos

Di que o seu traballo está dirixido a darlle esperanza á xente nova.

Certo.

Pódese ser optimista neste mundo que vén describindo no que medra o medo, reaparece a extrema dereita, aumenta a violencia...?

Pode. Eu acostumo a dicir que son un optimismo tráxico. É dicir, son unha persoa que coñece a dificultades e fai unha diagnose radical delas, mais nunca deixa de ver as alternativas. Eu vexo a resistencia no terreo. Traballo en África, en Europa, en América Latina... E vexo á xente resistir. Resistir contra a indignidade á que está suxeita. Vexo aos mozos europeos resistir contra as fronteiras, acoller aos inmigrantes, darlle comida aos refuxiados... Resístese á dominación. Claro que non é unha resistencia visible. Non son partidos políticos. Non son movementos. Como os ‘chalecos amarelos’ franceses, que representan distintas correntes. Mais todos teñen algo en común: son persoas que saben que están a ser tratadas inxustamente e resisten. A resistencia existe. O movemento feminista en España foi unha cousa extraordinaria. Agora, para min, debería radicalizarse. Non ficar satisfeito co seu éxito. Isto é, debería pasar a ser anticapitalista, antirracista e antihomofóbico. Nesa altura é cando a xente comezará a ver un pouquiño de esperanza. Hoxe hai moita xente que só ten medo e pouca esperanza. Despois, os máis ricos, o 1%, só teñen esperanza e nada de medo. Porque pensan que se a atmósfera podrece poderán mercar unha illa no Pacífico. O meu traballo é darlle un pouco de esperanza a quen só ten medo e un pouco de medo a quen só ten esperanza. Hai que comezar a meter medo, a atacar o capital financieiro. Non é posible que tanta xente fique tan rica en tan pouco tempo sen facer nada: nin crear emprego, nin fabricar nada. Simplemente está diante dunha computadora manipulando. Non pode ser. A loita ten que pasar non por ocupar as rúas senón por ocupar os bancos. Eu pronostico unha enorme crise económica mundial de novo. E desta vez os estados, que no seu día abandonaron á xente, pero non ao sistema financieiro, agora non van poder salvar os bancos. 

Vostede é moi coñecido polo seu papel como impulsor do Foro Social Mundial. Non quedou este encontro, que no seu día se considerou clave para o cambio social, reducido ao ámbito teórico e sen apenas repercusión práctica real?

Non é así. O papel que xogou o Foro Social Mundial nos seus primeiros dez anos [naceu en 2001] foi moi importante. Movementos como a Marcha Mundial das Mulleres impulsáronse no Foro. E o papel que xoga congregando os diferentes movementos sociais mundiais segue sendo clave. É verdade que a partir da crise de 2008 comezou a ter problemas para congregalos. As organizacións que máis precisaban vir ao Foro, menos posibilidades tiñan de estar. Viaxar a un lugar concreto é caro. A maiores temos o problema da chamada guerra contra o terrorismo, unha dinámica dos estados para controlar certos movementos. En 2016, no Foro Social Mundial rexeitáronse 400 visados de África e Asia, de países que se consideran islámicos. Por outra banda, o Foro decidiu despolitizarse. Eu estiven en contra. Houbo moitos debates internos e, finalmente, a miña posición perdeu. Ningunha decisión debería considerarse como unha intervención política do Foro. Iso, que é unha perversidade, fíxonos perder relevancia. Agora só queda reinventar o Foro. Quizais haxa que apostar por outro tipo de dinámicas: foros nacionais, rexionais e ata locais. Pontevedra sería un lugar ideal para organizar un pequeno foro social en Galicia. Ten todas as condicións para acollelo. Eu viría.