Unha boca, un nariz, dous ollos

Os Bolechas visitan durante o mes de outubro distintos centros escolares a fin de ensinar á cativada o bo uso do 112 e o traballo dos servizos das emerxencias galegas
Loli Bolechas visitou onte os colexios EEI Concepción Crespo Rivas e o CEIP de Cabanas, en Pontevedra. DP
photo_camera Loli Bolechas visitou este luns os colexios EEI Concepción Crespo Rivas e o CEIP de Cabanas, en Pontevedra. DP

UNHA BOCA, un nariz e dous ollos temos na cara: 1-1-2. Con este tipo de xogos os máis pequenos coñecen o número ó que hai que chamar en caso de estar ante unha emerxencia. Precisamente, recoñecer unha situación de perigo na que sexa preciso o uso do 112 e usalo ben é o obxectivo da nova proposta do programa de divulgación da Axencia Galega de Emerxencias sobre o uso responsable do número único europeo 112. Para achegar esta mensaxe, os Bolechas andan a visitar os colexios galegos nestes días. Así, unha das xemelgas, Loli Bolechas, estivo este luns na EEI Concepción Crespo Rivas e no CEIP de Cabanas, onde se reuniu cun grupo de 3º de primaria.

A través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, os Bolechas explicaron cando se debe chamar ao 112 e os datos que hai que facilitar aos xestores de emerxencias para ter unha resposta axeitada en cada caso. "Un lume, un roubo, ou cando alguén non pode saír da auga son situacións de emerxencia", explican os Bolechas. "O importante é saber onde estamos, coñecer o enderezo da nosa casa por exemplo", engaden nun vídeo no que Braulio Bolechas amosa como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia. Tras a proxección o alumnado participou nun obradoiro destinado a afondar nos coñecementos adquiridos e aclarar posibles dúbidas, facendo especial fincapé na importancia de facer un bo uso do número de emerxencias.

Esta proposta enmárcase nun amplo programa didáctico destinado á poboación infantil que a Axega puxo en marcha hai uns meses e que, ademais do audiovisual, incluíu a publicación dun libro no que, a través dunha divertida aventura, se explica como funciona o servizo de emerxencias na nosa comunidade.

A todo isto súmase a web osbolechas.gal/112, con máis información e consellos, pero tamén con xogos e actividades que facilitarán a aprendizaxe dos máis pequenos e porán a proba os coñecementos adquiridos. Un cento de centros educativos recibirán a visita de diferentes personaxes Bolechas este mes co fin de achegar á cativada a importancia do bo uso do número 112 e o labor das emerxencias.

Comentarios