Bolardos de deseño na nova praza de Monte Porreiro

As pezas, deseñadas por Rogelio Carballo e construídas por Cristalería Pontevedresa, terán unha impresión dixital sobre vidro
undefined
photo_camera Imaxe da presentación, onte, no Concello. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

O Concello de Pontevedra instalará en Monte Porreiro oito bolardos móbiles de deseño exclusivo. Segundo explicou este xoves o edil de Obras, Demetrio Gómez, trátase dunha peza "singular e única" que foi deseñada de xeito específico para a nova praza que será construída neste barrio.

O obxectivo principal deste novo mobiliario urbano é o de reorganizar e recolocar o tráfico por dentro deste novo espazo que será executado na contorna da rúa Alemaña. Deste xeito, as oito pezas estarán colocadas de xeito estratéxico e, ao ser movibles, poderán xuntarse ou separarse en función das necesidades que vaian xurdindo.

"Un exemplo sería o desfile de Reis, que pasa por esta zona, e o día que veñan as súas maxestades de Oriente estas pezas poderán ser movidas para dispoñer a circulación do mellor xeito posíbel", explicou o concelleiro.

Segundo afirmou, as pezas terán unha dimensión de 60x60x60 e contarán con iluminación interna. Ademais, a intención do goberno local é que sirvan de soporte "para unha exposición permanente do que queiramos". Neste sentido, a idea é que estes bolardos inclúan unha mostra que recolla a memoria do barrio, con imaxes e fotos que mostren a súa historia.

2Aínda que non sexa a súa función principal, os nenos poderán subir enriba delas ou xogar arredor. Cremos, ademais, que son elegantes, bonitas, son unhas pezas que darán unha maior calidade urbana e maior prestanza ao espazo público", sinalou Gómez.

Pola súa banda, Rogelio Carballo, autor e deseñador da peza, asegurou que un dos obxectivos deste proxecto é conseguir unha maior calidade ambiental e urbana. "É interesante devolverlle a Monte Porreiro unha mostra da súa memoria, que a xente recuperase esas imaxes a través dunhas pezas deste tipo. Son pezas modulares, pódense mover máis aló de moldear o tráfico, tamén para moldear o propio espazo urbano. Teñen materiais duradeiros, que soportarán o trato diario. Esta peza ten un mantemento mínimo pero a funcionalidade máxima".

Por último, na presentación destes novos bolardos estivo tamén presente Iago Barbeito, responsable de Cristalería Pontevedra, a empresa que se encargará da montaxe das pezas. O pontevedrés explicou que este mobiliario urbano conta "cunha tecnoloxía aplicada en industrias como a do automóbil, cunha impresión dixital sobre vidro con tinta cerámica, totalmente indeleble á radiación ultravioleta. Podes pasar a chave dun coche por riba e non quitarías a pintura", comentou.

As pezas "foron testadas nun espazo público moi icónico, como é todo o Parque do Retiro, en Madrid, onde toda a súa sinalética está feita con esta tecnoloxía. Para nós é un orgullo que o Concello de Pontevedra sexa o primeiro dos galegos en confiar nela e implantala no espazo público".