martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

As bolboretas que habitan A Xunqueira

Unha das especies rexistradas na guía. CEDIDAS
Unha das especies rexistradas na guía. CEDIDAS
Máis de 40 especies distintas foron catalogadas nas marismas de Alba, o cal supón un 17% de todas as avistadas na Península Ibérica e un 31% do total da comunidade

As múltiples características naturais do enclave de A Xunqueira de Alba –declarado Espazo Natural de Interese Local de Galicia (Enil) en 2012– fan que se trate dun ecosistema único no que habitan gran cantidade de especies animais e vexetais. Ata este momento falouse sobre todo dos odonatos, as aves e os anfibios, pero a partir de agora os afeccionados ás bolboretas contan ademais coa Guía de bolboretas do Enil da Xunqueira de Alba como novo referente de información sobre a biodiversidade do lugar.

Trátase dun traballo que necesitou máis dunha década de mostraxes in situ levados a cabo por Miguel Á. Fernández-Martínez, Saleta González Pimentel e José Rodrigo Dapena. Este último destaca que "o que máis chama a atención é que, sendo A Xunqueira de Alba un espazo periurbano, onde adoita presentarse un número de especies baixo, haxa unha cantidade tan destacable".

En total, esta guía recolle 43 especies diferentes de bolboretas, unha cifra que supón un 17% de todas as rexistradas na Península Ibérica e un 31% do total de Galicia. "Isto dá unha idea da riqueza do lugar e dos diversos ecosistemas que o forman", sostén Rodrigo Dapena.

COMÚN E EXTRAÑO.  Unha das especies máis comúns é a Pararge Aegeria, "unha bolboreta de cor marrón que é moi común en toda Galicia, en bosques de rivera onde hai xogos de luces e sombras". Trátase dunhas bolboretas moi fáciles de ver e de identificar a primeira vista. Xusto o contrario que no caso das Vanessa Virginiensis.

Esta última é, como afirma o coautor desta guía, "unha bolboreta en absoluto común". Orixinaria do continente americano, progresivamente foi penetrando polo sur de Portugal ata chegar á zona do Baixo Miño. Segundo José Rodrigo, "non é unha especie residente na Xunqueira, senón que é unha bolboreta que aparece de paso. De feito, só hai un avistamento rexistrado hai un par de anos". Tras pasar por Pontevedra en busca de néctar, as bolboretas voarán cara a outros destinos. Pero ningún igual: "A Xunqueira ofrece moitas cousas e moi distintas".

As bolboretas que habitan A Xunqueira
comentarios