O botellón perde fol no centro de Pontevedra

A primeira noite desde a reapertura do botellódromo sáldase cunha denuncia a un bar por incumprimento de horario ► Louband pon banda sonora á movida do sábado, pero a choiva frea os mozos
Actuacion del grupo Louband en el botellodromo del Recinto Feiral. RAFA FARIÑA
photo_camera Actuacion do grupo Louband no 'botellodromo' do Recinto Feiral. RAFA FARIÑA

A primeira xornada de reapertura do botellódromo do Recinto Feiral saldouse cunha soa denuncia por parte da Policía Local no centro histórico de Pontevedra. O afectado foi un local de hostalería da Rúa San Xulián, ao que os axentes municipais acudiron ás dúas da madrugada do sábado ante as queixas dos veciños polo ruído.

A propiedade non foi expedientada nese momento, senón ao longo da mañá, que foi cando o corpo policial comprobou que a licenza coa que operaba o establecemento era a de bar e non a de pub. Por este motivo, redactouse o correspondente parte de sanción por incumprir o réxime de horarios ao que teñen dereito este tipo de negocios.

O resto da xornada transcorreu "con normalidade", segundo fontes da Policía Local, que aseguran que non se detectaron botellóns en zonas sensibles como as de Pai Luís. Polo menos na noite do venres ao sábado.

As patrullas policiais reforzaron a súa presenza na zona vella durante o fin de semana para tratar de disolver calquera aglomeración de persoas bebendo na rúa, unha práctica que prohibe tanto a Lei de Saúde Pública de Galicia, modificada para ese efecto o pasado mes de febreiro, como a ordenanza municipal de convivencia, que entrou en vigor en xullo de 2008.

A única excepción a esta regra é botellódromo do Recinto Feiral, que este sábado contou coa actuación do grupo Louband Street Band, que puxo banda sonora á segunda noite de concertos, do mesmo xeito que un día antes ocorreu coa discoteca móbil A Duendeneta.

Comentarios