A Brilat desinfecta oito centros de maiores da provincia

A unidade do Exército de Terra Brilat continúa coa operación Balmis en diferentes puntos de Galicia. Durante este sábado dedícase a labores de desinfección ata oito centros de maiores da provincia de Pontevedra.

As actuacións levaranse a cabo polos equipos de descontaminación NBQ (nuclear, bacteriológico, químico) en Pontevedra (na Residencia Saraiva Senior e Soremay), en Redondela (vivenda comunitaria Virgen del Rocío I e II, e Cesantes), Salceda de Caselas (Ximará e Fogar Residencial Xardín Castro de Lar) e Vigo (vivenda comunitaria La Palmera 3 e 4 e residencia Angélicas).

Este tipo de instalacións convertéronse nos grandes focos de contaxio para a poboación galega máis vulnerable, os anciáns. Por este motivo, trabállase na desinfección destes centros.

PRESENCIA. Por outra banda, o Exército de Terra realizará misións de presenza e recoñecemento nos municipios coruñeses de Rianxo, Ribeira, A Pobra do Caramiña e Boiro, así como nos asturianos de San Martin del Rey Aurelio, Oviedo e Langreo. Tamén estarán en Valladolid.

Alí tratarán de recoñecer "as zonas máis conflitivas, infraestruturas críticas e establecer un enlace sólido e eficaz" con autoridades locais e forzas de seguridade. Estas accións buscan "facilitar os seus labores de presenza e vixilancia ante posibles incumprimentos das medidas establecidas polo estado de alarma nas zonas de especial risco para o contaxio".

Comentarios