A calidade do aire de Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da OMS

O goberno local tamén celebra os bos datos sobre estudos da contaminación acústica ou o consumo de auga da billa
Anabel Gulías. GONZALO GARCÍA
photo_camera Anabel Gulías. GONZALO GARCÍA

A calidade do aire de Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da Organización Mundial da Saúde, segundo despréndese dun estudo presentado este xoves.

En concreto, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou este xoves os primeiros datos do Observatorio PO2 relativos a dúas áreas de estudo: o aproveitamento dos recursos hídricos e a calidade do aire na cidade de Pontevedra.

En ambos os campos hai, en palabras da concelleira "resultados francamente moi positivos e moi alentadores" sobre os efectos do modelo urbano de Pontevedra tanto para a calidade de vida das persoas como para o medio ambiente.

O Observatorio PO2 enmárcase no Observatorio Urbano de Pontevedra, un traballo que se realiza en colaboración co grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, da Universidade de Vigo, encabezado polo profesor Pedro Figueroa.

Este xoves presentáronse os indicadores relativos á análise do ciclo da auga e da atmosfera. Estes resultados corresponden ao ano 2019, que foi o ano analizado durante o exercicio 2020.

O investigador Daniel Galego asegurou que Pontevedra, no relativo á calidade do aire, ten un grao de cumprimento coas directrices da Organización Mundial da Saúde que se sitúa entre o 99,9% e o 100%.

MEDICIóNS

No relativo ás medicións da calidade do aire, explicou que existen ademais outras dúas fórmulas de medición activas actualmente. Segundo a metodoloxía aplicada por Meteogalicia, Pontevedra tivo, ao longo de 2019, o 86,85% de días con calidade do aire moi boa.

Mentres, que segundo o Índice de calidade do aire da Unión Europea, Pontevedra tivo o 71,1% dos días de calidade do aire boa (que esta metodoloxía denomina 'moderada'). En todo caso, non se rexistrou ningún día en todo o ano ningún día no que a calidade do aire fose pouco saudable ou perigosa.

En canto contaminación acústica, Daniel Galego destacou que de media os valores sitúanse por baixo dos 40 decibeis e asegurou que poucos lugares de Galicia sitúanse por baixo dese valor.

CICLO DA AUGA

Pedro Figueroa destacou o esforzo realizado en todos os campos, incluídas os investimentos, para a mellora do ciclo así como a boa calidade do auga da billa de Pontevedra. Así, apréciase un incremento da poboación de Pontevedra que consome auga da billa, pasando do 36% de 2017 ao 49% en 2019. Este incremento débese, segundo explicou o profesor Pedro Figueroa, "boa calidade da auga, que é de moi débil mineralización e moi similar á auga embotellada".

Dos indicadores relativos á calidade e eficiencia do ciclo da auga, Pedro Figueroa tamén destacou a capacidade de subministración de auga: os puntos de captación (encoro de Pontillón e río Lérez) non presentan ningún problema de abastecemento e só 3 días no ano 2019 baixouse do caudal mínimo do bombeo e nunca se baixou do caudal ecolóxico.

Tamén resaltou o consumo por habitante que se sitúa en 114 litros por persoa ao día, o que supón unha redución do 3,6% nos últimos tres anos e 24 litros menos que a media galega. En canto ao abastecemento, o 83,7% da poboación conta con acceso á rede municipal e a cidade conta cun 99,1% de rede separativa e o 95,2% da poboación conta con acceso á rede municipal de rede de sumidoiros.

Tanto no caso do abastecemento como do saneamento, os prezos mantivéronse sen cambios nos últimos tres anos analizados. Ademais a porcentaxe de queixas recibidas é "ínfimo" (o 4,4%) e a puntuación do grao de satisfacción cos servizos relativos ao ciclo da auga sitúase en 7,3 (onde a máxima puntuación é 10).

Comentarios