"En calquera momento poden salvar unha vida con estes coñecementos"

O IES Montecelo acolle as VIII Xornadas de Primeiros Auxilios, nas que o alumnado de Farmacia exerce de mestre ante o resto do centro
Práctica de reanimación cardiopulmonar cun maniquí durante a xornada do luns. CEDIDA
photo_camera Práctica de reanimación cardiopulmonar cun maniquí durante a xornada do luns. CEDIDA

"En calquera momento poden salvar unha vida con estes coñecementos", afirma Paco Tobío, profesor do módulo de Primeiros Auxilios do ciclo medio de Farmacia e Parafarmacia do IES Montecelo. O centro educativo acolle esta semana as VIII Xornadas de Primeiros Auxilios, unha actividade máis que consolidada e que dirixe este docente.

Nela participan os 330 alumnos do instituto. A característica máis curiosa é que é o propio estudantado do CM de Farmacia, concretamente os 19 alumnos de segundo curso, o que imparte as clases ante o resto dos seus compañeiros, que van pasando por grupos ao longo da semana e que aprenden o que teñen que facer en caso de atoparse cun risco vital.

Tobío explica que son estes 19 alumnos os que organizan as xornadas e imparten as sesións, "moi prácticas", que lles axudarán a actuar correctamente se se atopan cunha persoa en perigo, vítima dun accidente ou dun atragoamento, por exemplo.

Algunhas manobras lévanse a cabo cunha persoa e outras, como as reanimacións cardiopulmonarse (RCP) cos tres maniquís, dous que representan a adultos e outro a un meniño.

Tamén aprenden a realizar a manobra de Heimlich, un procedemento de primeiros auxilios para aprender a desobstruír o conduto respiratorio e evitar asfixias e atragoamentos.

Así mesmo, apunta o profesor, o alumnado está aprendendo a utilizar diverso material, como o tubo de Guedel, "para abrir as vías aéresas e que a lingua con caia para atrás se a persoa está en parada cardiorrespiratoria"; a bolsa resucitadora ou as proteccións faciais para evitar contaxios e infeccións ao realizar o boca a boca.

RCP. "Tamén explican que en caso de facer a RCP non é obrigatorio facer as insuflacións, pero si as compresións cardíacas. Poden salvar unha vida mesmo despois de que a persoa estea cinco minutos en parada cardiorrespiratoria, pero o paciente pode quedar con secuelas permanentes" polo que é importante que lle chegue osíxeno, mesmo coas compresións.

O número cinco, apunta Tobío, é o "número máxico" dos primeiros auxilios, xa que forma parte da serie de RCP ("se a parada é por asfixia, empeza por cinco insuflacións de rescate e nos bebés e nenos pequenos sempre se empeza así"). Na manobra de Heimilich tamén se fan cinco compresións.

Aprenden a utilizar un desfibrilador
O alumnado que participa nestas xornadas tamén aprende a utilizar o DESA (desfibrilador externo semiautomático), "que salva moitas vidas hoxe en día en caso de parada cardiorespiratoria".

Tal como apunta o docente, o aparello atópase en moitos campos de fútbol, aeroportos ou estacións de tren, pero non todo o mundo sabe como usalo en caso de emerxencia. "É moi sinxelo e pódeo usar calquera".

As xornadas están dirixidas a todo o alumnado do instituto, tanto ao de FP básica como ao de ciclos medios e superiores.

Comentarios