Os camareiros volven liderar o ranking de contratacións na cidade

Desbancan os peóns da industria manufacturera como principal nicho de emprego en Pontevedra, que pechou setembro con 350 contratos vinculados a esta actividade hostaleira
undefined
photo_camera Un camareiro atendendo unha terraza en Pontevedra o pasado mes de setembro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os camareiros volven liderar o ranking de contratacións en Pontevedra. Desbancan así aos peóns da industria manufacturera, que se mantiveron como o principal nicho de emprego na cidade durante os meses de xullo e agosto.

En setembro cambiaron as tornas no mercado laboral pontevedrés. Así o poñen de manifesto os datos do último informe da Xunta, que revelan que a capital provincial pechou setembro con 3.677 contratos. Deles, 350 asináronos persoas que se ocupan de servir consumicións en bares, restaurantes e establecementos similares, o que representa ao 9,5% do total.

A segunda posición desta lista ocupárona os traballos relacionados coa transformación de diversas materias primas e bens, como alimentos, bebidas, téxtiles, maquinaria, madeira, papel ou produtos químicos e metálicos. É o que se coñece como industria manufacturera. Baixo este paraugas formalizáronse 338 empregos durante o mes pasado, o 9,2% do global.

Aínda que nove de cada dez traballos teñen data de caducidade, a porcentaxe de temporalidade reduciuse en dous puntos respecto de xullo

A campaña estival finalizou no municipio con outra foto fixa, a da temporalidade. Dos 3.677 contratos subscritos en setembro, 3.373 teñen data de caducidade. Supoñen o 91,7%.

Aínda que nove de cada dez empregos foron eventuais, o certo é que a porcentaxe de temporalidade reduciuse en case dous puntos respecto de xullo. Ademais, o número de indefinidos tamén creceu, ao pasar dos 238 do primeiro mes do verán aos 288 de setembro. O resto dos traballos rexistrados na cidade foron de prácticas ou formación (doce) e doutras tipoloxías (catro).

Os servizos seguen tirando do carro do mercado laboral, con 2.532 contratos, seguidos pola industria, que mobilizou 836 durante o mes pasado. O sector primario, o da agricultura e a pesca (172), superou ao da construción (137) en materia de contratacións. Unha das razóns que explican este sorpasso é o inicio da campaña da vendima, que provocou unha maior demanda de viticultores para recoller a colleita en distintos puntos da provincia, especialmente nas zonas incluídas na Denominación de Orixe Rías Baixas.

O mes pasado contratouse a máis mulleres que homes no municipio e a franxa de idade máis demandada foi a de 25 a 29 anos

MÁIS DATOS. O mes pasado pecháronse máis contratos a mulleres que a homes en Pontevedra: 1.882 fronte a 1.795. As estatísticas da Xunta tamén poñen de manifesto que a franxa de idade que liderou a creación de emprego foi a comprendida entre 25 e 29 anos, con 600 altas. Seguírona os de 20 a 24 anos, con 525 contratos. A suma de ambos os casos representa ao 20,6% dos traballos creados en setembro na cidade.

En canto ao nivel académico, a maior demanda centrouse naqueles pontevedreses con certificado de escolaridade ou estudos básicos (2.307). As persoas con FP (500) lograron máis contratos que as que teñen BUP, Bacharelato ou COU (468) ou as que posúen unha carreira universitaria (350). Os 48 empregos restantes foron para veciños con outras titulacións.

¿Cales foron as profesións máis contratadas?
As cinco profesións máis contratadas no ámbito durante o mes de setembro foron, por esta orde, a de camareiras (196 contratos); peona en industrias manufactureras (187), persoal de limpeza en oficinas, hoteis ou similares (181), vendedoras en tendas e almacéns (134) e coidadoras de nenos en garderías ou centros educativos (112). 

As ocupacións con máis contratos no ámbito masculino foron: camareiros (154), peóns en industrias manufactureras (151), artistas creativos e interpretativos (147), operadores de instalacións e maquinaria fixa (99) e peóns agrícolas (92).

Comentarios