Un cambio na ordenanza permitirá que veciños e comerciantes paguen só pola auga consumida

Raimundo González, este mércores en rolda de prensa. DP

O edil de Economía e Facenda recoñece esta proposta non se aplicará de forma inmediata ►A concesionaria tamén manterá os contadores domésticos

O novo contrato da auga introducirá un importante cambio para os usuarios. Por primeira vez eliminaranse os consumos mínimos que ata agora pagaban os propietarios de vivendas (15 metros cúbicos) e negocios (45 metros cúbicos) cada dous meses independentemente do gasto de recursos hídricos. Agora só se pagará en función do que se consuma.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimudo González Carballo, recoñeceu este mércores que esta medida non se aplicará de forma inmediata. O motivo é que, para pola en marcha, é necesaria a modificación da actual ordenanza. Nela haberá que engadir os novos supostos.

Outra das novidades do servizo ten que ver cos contadores domésticos e das acometidas, cuxo mantemento deixará de depender dos clientes e será asumido por Viaqua. A empresa deberá encargarse da súa conservación e a súa reposición. Calcúlase que a vida útil de cada unha destas instalacións podería ser de dez anos.

A adxudicataria tamén terá que facerse cargo de toda a rede de pluviais do municipio e das 152 fontes públicas que o Concello ten no ámbito urbano e no rural. Polo momento descoñécese se o recibo da auga subirá no futuro en conceptos como a cota de conexión.