A campaña da Renda 2021 recadou na provincia 40 millóns máis que a de 2020

Facenda ingresará máis, pero devolverá aos pontevedreses 807.073 euros menos que o ano pasado
Delegación de la Agencia Tributaria en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Delegación de la Agencia Tributaria en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O 30 de xuño terminou a Campaña da Renda 2021 e, nesta ocasión, os pontevedreses tiveron que rascarse o peto moito máis que o ano pasado. Segundo os datos facilitados pola propia Axencia Tributaria, este ano na provincia presentáronse 470.651 declaracións, que son 7.613 máis que o último exercicio. Delas, 276.883 foron tramitadas na Delegación da A.E.A.T. na capital do Lérez, que recibiu 5.165 declaracións máis que o ano anterior, e o resto na súa sede de Vigo.

Un dos motivos de tal incremento hai que buscalo na cantidade de traballadores que se viron afectados por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte) durante o ano 2021 como consecuencia das medidas aprobadas polo Goberno para axudar ás empresas a capear os estragos económicos da pandemia. Cando hai un só pagador, o límite para estar exento de declarar é de 22.000 euros, pero ao ter dous pagadores (nestes casos a empresa e o Sepe), o límite baixa a 14.000 euros sempre que se cobraron máis de 1.500 euros do segundo. A consecuencia é que moitos asalariados que antes non tiñan que render contas na campaña da renda, este ano tiveron que facelo.

MAIOR RECAUDACIÓN. Pero non só aumentou o número de declarantes. Tamén creceu, e moito, a suma que recadou Facenda. Na provincia, de todas as declaracións presentadas, só o 28,9% saíron a pagar e aínda así, a Axencia Tributaria recadará con elas case 233 millóns de euros (exactamente 232.926.433 euros), que son 40,48 millóns máis que na campaña anterior.

No caso concreto da Delegación de Pontevedra, saíron a pagar o 27,9% das declaracións presentadas e, con elas, os contribuíntes ingresarán ás arcas do Estado 123,1 millóns de euros, que son 22,8 millóns máis que no último exercicio.

A DEVOLVER. ¿E cantos cidadáns conseguiron que Facenda lles devolvese diñeiro nesta campaña da Renda? Case a mesma cifra que o ano pasado. Concretamente, na provincia o 63,4% das declaracións (298.407) saíron a devolver, é dicir, só 71 menos que na campaña de 2020 a pesar da diferenza no total de declarantes. Aínda así, Facenda abonará 807.073 euros menos que hai un ano, pois se entón tivera que restituír aos contribuíntes un total de 214 millóns de euros, nesta ocasión, devolverá só algo máis de 213 millóns.

No que respecta á Delegación de Pontevedra, as cifras son máis rechamantes: 176.172 declaracións saíron a devolver, que son 1.135 menos que o ano anterior, e con elas a Axencia Tributaria terá que pagarlle aos cidadáns beneficiarios 123,1 millóns de euros, que son 163.659 euros menos que en 2021.

O resto das declaracións ata completar o 100% corresponden a renuncias e ás de cota cero.

Comentarios