A campaña solidaria (en)Volve supera os 600 cómplices dos Reis Magos e recada 400 agasallos

Un total de 563 nenos e adolescentes están xa confirmados como beneficiarios da iniciativa da Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños
Marcos Rey. DP
photo_camera Marcos Rey. DP

A campaña solidaria de Nadal (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños, iniciou a súa recta final neste mes de decembro cunha cifra de 604 cómplices dos Reis Magos e de 400 agasallos recibidos. En apenas un mes, a iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún rapaz quede sen o seu presente, xa recibiu 536 cartas destinadas aos colaboradores das súas Maxestades de Oriente, tendo confirmada nestes momentos a participación na campaña de 563 nenos, nenas e adolescentes (en 2019 chegouse aos 588).

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “amosouse emocionado ante o derroche de xenerosidade e solidariedade" dos cidadáns: "Temos máis xente disposta a colaborar que persoas que precisan esa axuda, o que sempre é unha boa noticia”.

A campaña (en)Volve iniciouse este ano con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas. A principal novidade este 2020 é que só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.

Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e dende a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños anímase a todo o mundo a adquirilos no comercio local.

Comentarios