Campo Lameiro celebrará unha gala solidaria con La Palma

Terá lugar o vindeiro domingo, 31 de outubro, e contará con 10 actuacións musicais  A recaudación irá para Los Llanos de Aridane
O alcalde e membros do Goberno local presentaron a iniciativa. CEDIDA
photo_camera O alcalde e membros do Goberno local presentaron a iniciativa. CEDIDA

O Concello de Campo Lameiro celebrará o vindeiro domingo 31 de outubro unha gala solidaria para recadar fondos para os damnificados polo volcán de La Palma que serán entregados ao concello de Los Llanos de Aridane, un dos municipios máis afectados pola traxedia, con cuxa alcaldesa, María Noelia García Leal, xa se puso en contacto o seu homólogo galego, Carlos Costa, para amosarlle a solidariedade dos veciños e veciñas de Campo Lameiro e coordinar con ela o envío dos donativos recadados.

Na gala solidaria, que terá un prezo de entrada de 10 euros para maiores de 14 anos, participarán un total de 10 agrupacións musicais, tres artistas, dous humoristas, dúas charangas, unha coral e unha banda de música que actuarán ao longo de todo o día nas inmediacións do Consistorio e que terá como punto de partida unha misa, que será oficiada polo párroco local, Fermín Santiago Iglesias, ás 12.30 horas.

No recinto tamén se instalará unha pulpeira para que aquelas persoas que queiran xantar no entorno a prezos populares, e así manter a presenza do público en todo momento.

ARTISTAS. Tal e como explicaron dende o Goberno local, cando o Concello de Campo Lameiro lanzou esta iniciativa entre o mundo da música, recibiu "un aluvión de ofertas de artistas e grupos para participar que fixo que se tivera que pechar o cupo de actuacións para que o festival benéfico fora operativo".

Os artistas e os grupos participantes contan con diversos estilos para un público variado, co fin de que se xunte o maior número posible de persoas.

Actuarán Astarot, A Roda, A Oca Band, Galifunk Brass, A Banda de Balbina, La Banda de Leste, La Mafia, Bétula Péndula, Charanga OT+Solfamidas, Os Encerellados, Manoele de Felisa, Pili Pampín, Lito da Panorama, Mikela Abbatini e os humoristas Isi e Pepo Suevos, ademais da Coral Polifónica de Campo Lameiro e a Banda Unión Cultural de Campo Lameiro.

A presentación correrá a cargo dos xornalistas da televisión Carmen Chao e Quique Morales.

Comentarios