O campus de Pontevedra ten a taxa de ocupación máis alta de toda a UVigo

 Na cidade do Lérez estudan 4.022 universitarios, o 20,6% da matrícula da Universidade
 
Datos de novo ingreso UVigo
photo_camera Datos de novo ingreso UVigo

Presentación dos datos de novo ingreso da UVigoO campus de Pontevedra, cun 104%, ten a taxa de ocupación máis alta da Universidade de Vigo, cuxa media é do 98%. Na Boa Vila estudan 4.022 universitarios, o que supón o 20,6% da matrícula total da institución. Neste curso iniciaron os seus estudos en titulacións de grao 819 persoas.

Son algúns dos datos difundidos en rolda de prensa polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. "A verdade é que estamos mellor do que esperabamos porque como é sabido hai unha caída de ingreso de alumnos de novas titulacións ao longo dos anos, unha caída lixeira pero sostida. Ademais este ano había menor número de alumnos en disposición de acceder ás probas da  ABAU e non obstante, cubrimos máis prazas que o ano anterior. Temos unha porcentaxe de ocupación lixeiramente superior é dicir, estamos aguantando ese tirón", subliñou Reigosa.

A UVigo acadou este curso 20192020 un 98% de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso. A cifra de persoas que cursan algunha das titulacións que se imparten na institución académica viguesa ascende a 20.117.

Na Universidade de Vigo estudan 20.117 persoas, entre titulacións de grao, mestrados, doutoramentos e programas sénior

Na súa comparecencia ante os medios, Reigosa tamén se referiu á oposición manifestada no Consello Galego de Universidades celebrado nas últimas horas polos reitores do SUG, a que Abanca poña en funcionamento a primeira universidade privada de Galicia. "No plano técnico a proposta de Abanca non cumpre coa complementariedade e subsidiariedade co sistema público e por iso votamos en contra", asegura o reitor vigués, que sinala ademais que tendo en conta a fortaleza da universidade pública galega e a baixada da natalidade que se rexistra, "Galicia non ten necesidade dunha universidade privada". Reigosa tamén destacou na súa intervención o traballo que desde a UVigo se está a realizar cara á próxima implantación dos graos en Deseño e Creación -en Pontevedra-, en Relacións Internacionais e do dual en Tecnoloxía da Automoción, así como para garantir a continuidade dos graos en Enxeñaría Agraria, Enxeñaría Forestal, Dirección e Xestión Pública e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

ATRACTIVA. Caparrini foi a encargada de debullar os datos de matrícula, tanto de nova incorporación, como os globais do curso 2019-2020, no que a UVigo superou nun punto a taxa de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso, respecto do curso pasado, pasando do 97% ao 98%. Así, do total de 3.749 de prazas de novo ingreso en titulacións de grao ofertadas cubríronse 3.685, das que 1.979 corresponden ao campus de Vigo, 887 a Ourense e 819 a Pontevedra, que acadaron taxas de ocupación do 97%, do 98% e do 104%, respectivamente. En canto á distribución de persoas matriculadas por sexo, 1.962 son mulleres (53,24%) e 1.723 (46,75%) homes. Os programas universitarios sénior e sénior superior sumaron 87 estudantes de novo ingreso (63 mulleres e 24 homes).

Reigosa mostrou a súa oposición á proposta para a implantación en Galicia da primeira universidade privada promovida por Abanca

No caso do mestrado incorporáronse este curso 1.253 persoas nas 1.689 prazas ofertadas (74,19% de taxa de ocupación), das que 726 son mulleres e 527 homes. No caso dos programas de doutoramento o número de persoas matriculadas ascendeu a 278, cunha taxa de ocupación do 52,55%. Do total de matriculados, 150 son mulleres e 128 homes.

En canto aos datos globais de matrícula rexistrados este curso, o total de estudantes que cursan algunha das titulacións que se imparten na UVigo é de 19.521, que ascende a 20.117 se se inclúen as 596 persoas que cursan os programas universitarios sénior. Dos 19.521 matriculados, 10.816 (55,40%) cursan estudos en Vigo; 4683 (23,98%) en Ourense e 4022 (20,60%) en Pontevedra. Do total, 10.115 (51,81%) son mulleres e 9406 (48,18%) homes.

Tras avanzar que en vindeiros anos se rexistrará un pequeno incremento no número de estudantes en disposición de acceder á universidade, ao que seguirá unha caída profunda por mor do descenso da natalidade, Reigosa sinalou que "agora a Universidade segue a ser atractiva e estamos especialmente satisfeitos ante un ano de especial dificultade".

Comentarios