Canción de inicio para Yoly

A cantautora pontevedresa Yoly Saa forma parte dun equipo de Universal que compón temas que poderían optar a ir a Eurovisión

A pontevedresa Yoly Saa nunha foto promocional"SI QUE boto en falta o fútbol sala", confesa. "Máis que competir, o que boto moito en falta é o equipo, todo o que se vive alí dentro". Sen embargo, Yoly Saa Filgueira (Pontevedra, 1992) decidiu deixar a pelota e os adestramentos para intentar cumprir un soño: adicarse ao mundo da canción. Niso está. Nunhas semanas teloneará a Andrés Suárez en Madrid. E agora mesmo forma parte dun equipo da discográfica Universal que compón temas que poderían optar a ir a Eurovisión trala criba que se fai en OT.

 A historia de Yoly Saa coa música comezou cando colleu unha guitarra con 13 anos. Autodidacta neste ámbito, aos 18 compuxo os seus primeiros temas. Mentres, estudaba Educación Infantil e xogaba ao fútbol sala. Isto último déuselle especialmente ben: militaba no Poio Pescamar. Pero hai dous anos, coa carreira universitaria rematada, deixou o equipo. "Optei por apostalo todo á música e marchei para Madrid".

Se se busca unha data de inicio oficial á súa carreira musical é 2013, cando subíu a YouTube un vídeo no que facía unha versión de Lucha de gigantes, de Antonio Vega. "Empezaron a chamarme para tocar en locais de Pontevedra e arredores. Daquela non deixaba de ser un hobby. De feito, adicábame a facer só versións. Nunca interpretaba a miña propia música", lembra. "Hai case dous anos comecei a tomarmo máis en serio. E iso era absolutamente incompatible con xogar en Primeira División". Deixou o deporte e púxose a traballar. "Estiven un ano aforrando para poder marchar a Madrid e adicarme só á música".

"A carreira musical é moi dura. Estou aquí pelexando día tras día"

JACOBO CALDERÓN. Chegou á capital, segundo di, "cunha man diante e outra detrás", e púxose a cantar onde podía. No Metro, por exemplo. "Aos tres meses de estar aquí, fichoume un produtor de Universal, Jacobo Calderón". O seu padriño é fillo de Juan Carlos Calderón, figura fundamental da música popular latina, gañador de cinco premios Grammy e creador de éxitos de Luis Miguel ou Ricky Martin. O propio Jacobo Calderón, manager de Abraham Mateo, ten sido produtor ou compositor para Sergio Dalma, Amaral, Luis Fonsi, Raphael e un longo etcétera, ademais de facer de cazatalentos para Universal e colaborar de xeito permanente con Disney. "Dende o verán estou traballando con el".

E foi da súa man que entrou no equipo da discográfica Universal que está a preparar temas para o Festival de Eurovisión. "Hai compositores de toda España, xente moi top". Ela está implicada en catro cancións que se enviarán ao concurso de Televisión Española Operación Triunfo (OT). Será a cadea pública e a produtora do espazo, Gestmusic, as que se encarguen de seleccionar despois cales serán finalmente os que interpreten os finalistas do programa. De entre eles, como xa se fixera o ano pasado, sairá o que se envíe a Eurovisión. E como son eses temas nos que participa? "Non podemos dicir nada! É todo súper secreto!".

Mentres tanto, Yoly Saa traballa na súa propia carreira. "Ao tempo que arranca, estou meténdome neste mundo compoñendo para outra xente e dando os meus primeiros concertos de pago". Polo camiño, gañou un concurso para facer de teloneira do cantautor Andrés Suárez. Será en decembro na Sala But, "que ten un aforo dunhas 1.300 persoas".

A moza non se arrepinte de telo deixado todo pola música. "Sei que esta carreira é moi sacrificada, moi dura. Eu, de momento, non saco rendabilidade a nada disto. Véxoo como un investimento a longo prazo", comenta. "Estanme pasando cousas moi boas, pero que nada é definitivo. Hai semanas que non sei que fago aquí e outras que me parece que todo vai ben. Pelexo día tras día".

A súa intención máis inmediata é seguir traballando en temas propios. "A comezos de 2019, agardo que as miñas cancións comecen a estar dispoñibles en todas as plataformas", avanza. "Son todas composicións sobre temas actuais, que me moven, que me inspiran".

Comentarios