Un canto á 'ilusofonía' no outono

Melodías de diferentes puntos do globo renderánlle tributo ao mundo lusófono nunha data que misturará cores, sons e gustos en Pontevedra

Bia Ferreira. INTERNET
photo_camera Bia Ferreira. INTERNET

Pontevedra é sinónimo de cultura procedente da fusión de tódalas cores e sons xunto á mistura daqueles e daquelas que veñen e daquelas e daqueles que van. A cidade dos encontros celebrará, un ano máis, unha ofrenda musical á lusofonía á que os seus organizadores se referiron como "ilusofonía". O festival Cantos na Maré celebrarase do 11 ao 14 de outubro e pretende consolidarse como unha das datas máis agardadas do outono: o Pazo da Cultura e o Teatro Principal serán algúns dos escearios nos que un amplo abano de artistas farán as delicias dos espectadores e das espectadoras. Os catro días de evento e a ampliación de espazos son as novedades desta 14ª edición xunto coa introdución de músicas urbanas e coa expansión das súas fronteiras ata o mundo celta.

Este encontro pontevedrés foi impulsado polo Concello e na actualidade está producido por Nordesía. O evento conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra e coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, que achegará 28.297 euros; e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Entre as últimas incorporacións ao cartaz atópanse Eladio y los Seres Queridos, Vudú ou os portugueses Os Meninos

O pasado xoves saíron á venda as entradas , que poden collerse en modo bono para asistir a tódalas citas que hai no Pazo da Cultura, ou concerto a concerto, nas webs Ticketea e Eventbrite: por separado teñen un prezo de 9 euros ou 18 euros , ou nun bono de 50. Entre os artistas do cartel deste ano atópanse grandes nomes da lusofonía como é o caso da portuguesa Teresa Salgueiro, exvocalista de Madredeus ou o brasileiro Chico César, un dos "fundadores" do festival. O compositor e poeta acudirá por terceira vez ao festival pontevedrés polo que se consagra como un dos artistas que máis participaron na cita cultural: visitou a Boa Vila na súa primeira edición e no décimo aniversario.

OS MENINOS. Entre as últimas incorporacións ao cartel, maiormente galegas, atópanse Eladio y los Seres Queridos, Vudú, García MC & Nación Quilombo -acompañado polo pianista cubano Alejandro Vargas-, Os Meninos e DJ Mil. Este presentará o seu proxecto audiovisual "Phonorama". Os portugueses Riot DJ tamén formarán parte dos artistas que actuarán nestes Cantos na Maré.

A introdución de músicas urbanas no cartel achegará o espectáculo de Capicúa e convidadas, que promove Política Lingüística e que reunirá ao grupo de hip hop portugués que lidera Ana Matos con Eva RapDiva e coa galega Woyza. A galega Mercedes Peón presentará no evento o seu quinto disco, "Deixaas", e os asistentes e asistentas tamén poderán gozar do proxecto Coladera liderado polo brasileiro Marcos Suzano, un dos mellores percusionistas do mundo, ou o espectáculo de música e poesía do exministro de Cultura caboverdiano, Mário Lúcio, serán outros dos atractivos da data.

MULLERES. A mozambicana Selma Uamusse presentará en primicia o seu novo disco en Pontevedra que, entre outros, conta co acompañamento de Rodrigo Leão. Pola súa banda, a activista, compositora e multi-instrumentista brasileira Bia Ferreira tamén se achegará á Boa Vila para enfeitizar co seu particular son de jazz, blues e soul.

A clausura do festival, o día 14, correrá a cargo do proxecto Ath-Thurdá, promovido polo concello de Évora dentro das accións promocionais para a súa candidatura como Cidade Europea da Cultura en 2027. Participarán artistas como Kepa Junkera, alén doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade.

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia con outras culturas, outros países e outros continentes, Cantos na Maré dá este ano un paso máis e proponse ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade. Cada edición máis mares espallarán o son das súas ondas musicais en Pontevedra para que os e as amantes da música conecten con tódalas partes do mundo. Independentemente de que a música sexa urbana, coral, polifónica ou unha narración, este evento pretende que a danza e a gastronomía tamén se fusionen para crear un produto final que enriqueza a todo aquel e aquela que queira degustalo.

Comentarios