Carlos Sadness, Dakidarría e Baiuca encabezan o festival Que non pare a música!

O Recinto Feiral acollerá os concertos entre o 12 e o 14 de novembro
Carlos Sadness, Dakidarría y Baiuca. ARCHIVO
photo_camera Carlos Sadness, Dakidarría y Baiuca. ARCHIVO

Carlos Sadness e os galegos Dakidarría, Boyanka Kostova, Furious Monkey House, Baiuca, Cora Velasco e Sondarúa serán os protagonistas de Que non pare a música!, o novo ciclo de concertos que se celebrará en Pontevedra.

O Recinto Feiral da cidade será o escenario deste festival, que se desenvolverá durante os días 12 e 14 de novembro, segundo informaron este mércores os seus organizadores.

Tras o fin do estado de emerxencia sanitaria en Galicia, o público poderá gozar destes concertos de pé e sen espazos preasignados, aínda que deberán usar máscara.

O ciclo ofrecerá catro sesións diferenciadas nas que se darán cita algúns dos grupos máis destacados do panorama musical galego, estatal e da propia cidade de Pontevedra.

Os concertos comezarán o venres 12 con tres dos grupos máis reivindicativos de Galicia, o grupo de rap Sondarúa, a banda punk-rock Dakidarría e os trapeiros Boyanka Kostova.

O sábado 13 será a quenda da música indie cos pontevedreses La Casa de los Ingleses e o cantante e compositor catalán Carlos Sadness.

Para a xornada final do domingo 14, haberá unha sesión vermú en horario matinal coas bandas pontevedresas Furious Monkey House e Cora Velasco e un concerto vespertino de Baiuca, un dos grandes nomes do panorama musical galego actual.

As entradas para este ciclo de concertos sairán á venda este xoves e haberá un número limitado de abonos a un prezo de 25 euros.

Comentarios