Carlos Valle: "O Museo de Pontevedra estará sempre comigo"

Coincidindo coa homenaxe que a Peña da Boina lle tributa o sábado, o histórico director do Muiseo (32 anos no cargo, máis de 50 ligado á institución) racha co silencia que mantivo tras ter que deixar o seu cargo. «QUe quede claro: eu non me xubilei, a min xubliáronme", apunta

Carlos Valle. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carlos Valle. GONZALO GARCÍA

CUMPRIU 65 anos o pasado 25 de novembro. Foi un aniversario amargo para Carlos Valle (Pontevedra, 1953). Apenas uns días antes, a Deputación Provincial comunicáralle oficialmente que debía abandonar o seu posto de director do Museo de Pontevedra. Ocupábao dende había 32 anos. Denegábaselle así a prórroga que solicitara tras organizar a programación de 2019 e comezar a preparar dúas importantes exposicións que contarían co seu comisariado para os próximos meses. A Deputación argumentaba que non quería facer excepcións nunha norma non escrita que obrigaba a todos os funcionarios a xubilarse ao cumprir a idade correspondente. Dende entón, o Museo, a institución cultural máis importante da cidade e unha das máis importantes de Galicia, non ten director. O organismo provincial do que depende anunciou o 26 de novembro a publicación das bases «dun xeito inminente» para un concurso do que sairía o substituto de Valle. Case dous meses despois, seguen sen publicarse. Mentres tanto, o exdirector, aproveitando a homenaxe que mañá lle tributa a Peña da Boina, racha co seu silencio.

A que está adicando os primeiros días da súa xubilación?

A ordenar os meus papeis, a ordenar a miña biblioteca e a ordenar a miña cabeza. Que non é pouco.

Ten algún plan inmediato?

Si, teño plans inmediatos, actividades e proxectos tanto en clave local como peninsular e mesmo de fóra da Península. Agora teño a posibilidade de poder dar resposta a moitas peticións e propostas que me chegaban e que tiña que rexeitar por falta de tempo.

Un dos primeiros actos que vai protagonizar en clave local é a homenaxe que lle tributa a Peña da Boina. Como a recibe?

Primeiro, con sorpresa. E a continuación, con gratitude. Non imaxinaba que fosen reparar en min e, ao non agardalo, a miña satisfacción é aínda maior. Por enriba, descubrín que na Peña da Boina teño vellos compañeiros de instituto. Así que foi dobremente grata esta concesión. Estes premios aos que non te presentas, son especialmente gratos.

"Non estou molesto co feito da xubilación, estou molesto coas formas. Non entendo por que non se me informou antes"

É un premio a toda unha traxectoria, o primeiro que recibe tras a súa xubilación. Está molesto coa Deputación por como se lle comunicou que tiña que deixar o seu cargo?

Estou molesto coas formas. Se a situación era esa e os criterios inamovibles, cando fixen a solicitude de prórroga, que realicei amparándome na legalidade, non vexo por que non se me contestou, por que ese silencio desconcertante que me levou a pensar xusto o contrario e por que se agardou case tres meses máis para recibir a nova. Non estou molesto co feito da xubilación, insisto. A etimoloxía da palabra ten algo que ver con ‘xúbilo’, un motivo de satisfacción. Pero discrepo das formas. Era innecesario facelo así. Se a resposta era esa, debéuseme ter informado antes.

"Non se se decepcionado é a palabra que que empregaría con Leal. A título persoal houbo certamente un desengano"

A boa sintonía que mantivo co actual deputado provincial de Cultura pareceu truncarse. Xosé Leal tampouco acadou a recuperación da autonomía para o Museo nin da Bienal de arte, a pesar de ter manifestado a súa intención de facelo. Está especialmente decepcionado con el?

Non sei se decepcionado sería a palabra exacta... Certamente, a título persoal, estes últimos meses supuxeron un desengano.

E coa política en xeral? Séntese defraudado en xeral polos políticos?

A política con maiúsculas é unha cousa moi seria. O día a día, a materialización desa idea, é outra cousa. Nunca fun político. Nunca quixen selo. É un mundo que respecto. As persoas que dan ese paso merecen o meu aplauso. Pero non é para min. E podes crer que tiven oportunidades. Pero non duraría unha semana. Hai cousas como a denominada ‘disciplina de partido’ que non entendo. Así que nunca o dubidei. Esta decepción recente reafírmame aínda máis nestes principios.

"Non comparto a idea de que o director non deba ser 'eterno'. Sorprendeume que o dixera un funcionario en excedencia que nunca renunciou á súa praza [César Mosquera]"

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, avanzou nun almorzo informativo no mes de decembro que "o cargo [de director do Museo] non vai ser para unha persoa funcionaria de forma ‘eterna’, senón que cada cinco anos haberá unha valoración do traballo". Que lle pareceu este anuncio?

Non me parece unha boa idea. E, en sentido etimolóxico, non me parece nin pertinente. Ao mellor sobre o que hai que reflexionar é sobre a función pública como tal. Porque cando un accede á función pública faino dentro duns parámetros. Queremos volver á fórmula do século XIX, a escenarios de emprego temporal e que cada vez que cambien os responsables políticos, cada catro anos, se baleire a Administración e se parta de cero? Non, non comparto esa opinión. E non deixa de parecerme sorprendente que a fixese un funcionario público en excedencia que non renunciou ao seu posto de traballo. Non sei exactamente que criterios se seguirían para decidir que funcionarios serían ‘eternos’ e cales non.

"Habería que saber a que se refieren cando falan de 'modernizar' o Museo. Esta institución e´pioneira' e referente do seu ámbito en Europa"

Entre o persoal do Museo sentou especialmente mal que relacionase esta idea do director ‘renovable’ cada cinco anos coa necesidade de "modernizar" a institución. Necesita modernizarse o Museo de Pontevedra?

Habería que preguntarlle a el a que se refería, que entende por ‘modernizar’. Este Museo é un referente no seu ámbito, non só en España senón a nivel europeo. Non me refiro a que nos últimos anos sexa pioneiro en moitas cousas, é que o foi sempre. O Museo de Pontevedra é un museo moderno e modernizador, con enorme prestixio, entre outras cousas, polas iniciativas que levou e leva a cabo adiantándose aos tempos. Somos un modelo, un referente. Non se entende a que se refire.

Está preocupado polo futuro do Museo de Pontevedra?

Si.

Así de rotundo.

Si, claro. É que estou preocupado. Porque hai case dous meses que estou xubilado, que me xubilaron, para ser exactos, e o Museo non ten director. Está vivindo da programación que se deixou preparada. Que eu cumpría 65 anos o pasado mes de novembro é algo que se sabe dende o día que nacín. Se estaba tan claro que non ía continuar, debería terse anticipado o que ía suceder. Dalgunha maneira habería que ter prevista a substitución. Claro que estou preocupado. Pero estarei preocupado por esta institución sempre, ata a fin dos meus días. Eu recalei no Museo de Pontevedra porque quixen. Tiven ofertas de traballo en España e fóra de España, pero eu quería ser director deste Museo. Eu non podo rachar dun día para outro coa miña biografía. Comecei a miña relación con esta institución cando tiña 12 anos, sendo aínda alumno do Instituto. Son 53 anos da miña vida. Como podo ignorar o que lle pasa? Nunca. O Museo de Pontevedra estará sempre comigo. A miña ollada cara el será agarimosa sempre, pero tamén crítica. Como a tiven comigo mesmo e co meu traballo. Todos os que me coñecen saben que eu aspiro á excelencia. Lembras aquela máxima do París do 68: ‘Sexamos realistas, pidamos o imposible’? Pois eu penso así. O imposible non o vas acadar, pero hai que intentar aproximarse ao máximo.

Cales cre que son os retos máis importantes que vai ter que enfrontar a persoa que se faga cargo da dirección?

Ten tres ou catro retos moi importantes. O primeiro deles, que o Museo recupere a súa personalidade xurídica. Naceu con ese criterio, coa idea de que debe ser autónomo. Ten que recuperar esa autonomía. Un segundo reto que vai ter pasa por adaptar en número e competencias o seu cadro de persoal ás necesidades que comportan cinco edificios. Non estou falando por falar. Tanto en 2017 como en 2018 fíxenlle constar por escrito esta necesidade á Deputación á hora de elaborar os orzamentos. Pero non se solucionou. Finalmente, un terceiro aspecto a enfrontar de cara ao futuro inmediato pasa por rematar o ciclo de renovación de espazos. Os edificios centrais do Museo, a súa xoia da coroa, seguen pechados. Hai que reabrilos. En primeiro lugar, porque estando pechados deterióranse. En segundo lugar, porque son dúas auténticas marabillas arquitectónicas. E en terceiro lugar, porque o seu discurso expositivo resulta especialmente atractivo para o público. Sen contar con que eles van a acoller o que, nun sentido moi amplo, ten que ver coa historia da cidade de Pontevedra, articulada dende os tempos máis remotos ata a actualidade. Por certo, o Sexto Edificio segue sen nome. Habería que darlle un. E vou engadir un reto máis: o Museo de Pontevedra ten que pensar en ampliacións.

Non a primeira vez que o di.

Lévoo anos dicíndoo. Hai fondos importantes que teñen que estar expostos e non se mostran por falta de espazo. Pero estamos marcados profundamente por aqueles anos nos que se creaban museos e centros culturais sen contido, que acababan quedando vacíos. Ao Museo de Pontevedra pásalle á inversa. Necesita un sétimo edificio. Hai coleccións importantes que poderían estar en Pontevedra se se dispuxese de espazo.

"Débese remusealizar o Edificio Sarmiento. O restaurante é un intrusso nese espazo"

Unha das cuestións máis polémicas da historia recente da institución ten que ver coa instalación dun restaurante no Edificio Sarmiento e coa distribución das pezas nos seus espazos. Debe remusealizarse?

Si con maiúsculas. Os contidos do Edificio Sarmiento dende 2013 non se corresponden para nada co que o equipo técnico do Museo tiña deseñado para ese inmoble. Para empezar, hai algo que claramente sobra. O restaurante é un intruso nese espazo. Que se entenda o que quero dicir, que non ten nada que ver cunha empresa que se presentou a un concurso e que o gañou. Ten que ver coa organización do Museo, que en todo caso podería ter unha cafetería na terraza. Porque dime que Museo do mundo se pode permitir ter en caixas as esculturas da fachada occidental do Pórtico da Gloria? Aquel proxecto DepoDeza acometeuse ás costas do equipo técnico do Museo. Foron todo decisións políticas. Nin o restaurante nin ese proxecto estaban contemplados.

Realizouse na etapa de Ana Isabel Vázquez un ‘expurgo’ na Biblioteca do Museo?

Si, é sabido. En materia sobre todo de prensa. Eses anos, do 2011 ao 2015, foron especialmente duros.

CONTINÚA AQUÍ A ENTREVISTA

Comentarios