Carlos Valle: "Non me arrepinto nada"

Carlos Valle12. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carlos Valle. GONZALO GARCÍA

De que se sente máis orgulloso?

Da miña familia. Tanto dos meus proxenitores como da miña muller e do meu fillo.

E no ámbito profesional? O balance que fai do seu paso polo Museo é positivo?

Si, por suposto que si. Estes derradeiros momentos, que foron difíciles no ámbito persoal, non poden enturbiar para nada o traballo de tantos anos. Ou máis ben: non deben. Como non me vou sentir orgulloso e satisfeito co meu traballo? Pero que quede ben claro: eu son un primus inter pares. Fun a cabeza visible. Nada máis. Unha das miñas maiores satisfaccións é ter creado e formado o equipo que traballou comigo. Os criterios do Museo de Pontevedra imprimen carácter dalgunha maneira. Esta institución conseguíu ser un referente no seu campo, entre outras cousas, pola excelencia do equipo de profesionais que está detrás. Un dos meus maiores orgullos son eles. Levaron a grandes cotas a unha institución creada por xigantes intelectuais como foron os fundadores. Que podo dicir eu, un rapaz fascinado coa física ata que Filgueira Valverde o converte en alumno colaborador do Museo con 12 anos e acaba contaxiado polo virus desta institución, que me cambiou a vida.

Arrepíntese de algo?

Para nada. Refíreste a ter tomado a decisión de adicarlle a miña vida ao Museo?

A iso e a calquera decisión que tivese tomado mentres foi o seu director.

Non, tampouco. Non me arrepinto de nada. Polo menos, de ningunha decisión importante. Todo o contrario máis ben: houbo decisións difíciles que tomei no seu día, como foi a defensa da instalación do novo edificio, o Sexto, neste espazo que ocupa hoxe e non na sede de Facenda como se chegou a valorar, penso que foron atinadas. O tempo demostrou que a outra opción eternizaría a posta en marcha dun novo edificio. O Sexto está hoxe funcionando.

"Unha das miñas maiores satisfaccións é ter creado e Fomentado un equipo que traballara en Pontevedra"

Esa decisión tomouna na época de Manuel Abeledo como presidente da Deputación. Foi a mellor etapa para o Museo?

Foi unha etapa moi boa. Tamén as anteriores, importantísimas. Pero eu recoñezo que sempre me sentín moi respaldado por Manuel Abeledo e que era moi gratificante escoitarlle dicir que eu e os técnicos eramos os que sabiamos e os que tiñamos que tomar as decisións que atinguían ao Museo. Parece unha obviedade, pero resultou non selo. Tamén é certo que Abeledo era alguén moi esixente. «Coidado, Carlos, non me metas un gol. O que sabes es ti, pero poderás meterme un, non máis». A etapa de Abeledo é unha etapa moi importante que coincide con dous fitos significativos: todo o proceso de ampliación do Edificio Fernández López e todo o proceso previo á materialización do Sexto Edificio, que finalmente se constrúe na etapa de Rafael Louzán. Pero a tramitación é anterior. Comeza no ano 1999.

A peor etapa para vostede é coñecida: a de Ana Isabel Vázquez como deputada provincial de Cultura, onde se levaron a cabo cambios importantes e os desencontros entre o Museo e a Deputación eran habituais.

Así é. É público que non nos entendiamos. A imposición pola imposición ou reducir os argumentos a que quen manda son eu non é algo admisible por ningún profesional no século XXI. Sentinme marxinado e maltratado eses anos. Foi a época máis dura para min e para case todos os técnicos do Museo.

Comentarios