Carme Adán promete pedir no Congreso a transferencia da N-554

A cabeza de Nós-Candidatura Galega por Pontevedra tamén solicita a regularización de núcleos rurais de Vilaboa
Carme Adán
photo_camera Carme Adán

A cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, garantiu este domingo en Vilaboa que pedirá no Congreso a transferencia da N-554 e a regularización dos núcleos rurais afectados pola Lei de Costas.

Nun acto celebrado no local social de Figueirido, o número 1 por Pontevedra asegurou coñecer a demanda de Vilaboa para que esta estrada de titularidade estatal sexa transferida á Xunta. "Iso si, demandándolle a Fomento que, previamente, repoña os danos causados polas obras de remodelación deste viario. Están aínda pendentes problemas como o arranxo das canalizacións de auga, entre outros", precisou, tal e como indicado Nós nun comunicado. 

Carme Adán tamén garantiu que trasladará ao Congreso a necesidade de regularización dos núcleos rurais de Vilaboa afectados pola Lei de Costas e, actualmente, "nun difícil limbo xurídico". Así mesmo, tamén se referiu á recuperación das Salinas, cuxa segunda fase está pendente: "Fíxose a primeira fase e convén recordar que, grazas ás emendas presentadas no seu día polo BNG aos orzamentos e á súa aprobación, foi polo que levou a cabo a primeira fase", relatou, para logo engadir que, con todo, "o labor non acabou" e que, polo tanto, pedirán que se execute a segunda fase. 


NECESIDADE DE MELLORAR AS CONEXIÓNS. De igual forma, a candidata de Nós aludiu á necesidade de mellorar as conexións en Vilaboa con infraestruturas viarias "importantes", como a "autoestrada" e a necesidade, ao seu xuízo, de que se efectúe o "enlace de Barbeita". Para rematar, a cabeza de cartel de Nós por Pontevedra criticou ao Goberno central polo "total esquecemento" nesta lexislatura das "necesidades" de Vilaboa, "onde nada fixo". En contraposición, asegurou que Nós ten "conciencia de país, dos seus problemas e necesidades". "E Vilaboa figura entre elas", agregou.

Comentarios