Carme da Silva: "As festas son vitais para a economía local"

Despois do desconcerto inicial pola Covid-19, o seu departamento decidiu seguir adiante cos festexos, xa que o sector cultural e de lecer teñen un papel capital no modelo de cidade.
Carme da Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carme da Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Haberá Festas da Peregrina. Unhas festas diferentes, que tamén serán recordadas por saber adaptarse a esta nova normalidade vixente desde que saltou a alarma sanitaria provocada pola Covid-19. A concellería de Festas de Pontevedra nunca o dubidou. O programa estaba pechado cando saltou a alarma sanitaria e sabían que si a situación o permitía seguirían adiante cos festexos, como así será. Todas as actividades cumpren os requisitos de seguridade, así que piden á xente que respeten as normas para poder disfrutar dunhas festas sen contratempos. A responsábel do departamento, Carme da Silva, explícanos como serán os festexos da nova normalidade.

Nalgún momento dubidaron da celebración dos festexos por mor da crise sanitaria que vivimos desde marzo?

—Non. Cando nos confinaron as festas xa estaban pechadas, como todos os anos. Traballamos con moitísima previsión. Nun primeiro momento foi de desconcerto, como puido pasar na vida de todo o mundo, pero sempre tivemos claro que, de ser posíbel, de rematar o confinamento, como así foi, as festas había que celebralas, dunha maneira ou doutra.

Os cidadáns merecían un respiro ‘controlado’ despois de varios meses encerrados nas súas casas

En que momento decidiron seguir adiante con eles? Que o motivou?

— Despois dos primeiros días de incerteza, cando a situación sanitaria comezou a clarificarse, tomouse a decisión: inxectar o maior número de cartos na economía local para tratar de paliar, na medida das posibilidades do Concello, a crise económica que temos enriba. E neste contexto, o sector cultural e de lecer en Pontevedra é moi importante, ten un papel capital no modelo de cidade, no Efecto PO2, por iso acordouse seguir adiante coas festas e todo o que traen aparellado.

Que significaría para a cidade quedar sen Festas da Peregrina? 

— Non só sen as Festas da Peregrina, sen todo o programa de verán. En Pontevedra as festas comezan tradicionalmente co Surfing the Lérez cara final de xuño e rematan a primeira fin de semana de setembro coa Feira Franca. Estamos a falar de dous meses e medio de festas e actividades nas que se moven miles de persoas. Tiñamos claro que este ano tiñan que ser diferentes, pero os pontevedreses e pontevedresas merecían un respiro “controlado” despois de varios meses encerrados nas súas casas.

Este ano os festexos deben ser diferentes para adaptarse a nova normalidade. Como se plantexou a súa organización?

— Tomada a decisión inicial de continuar adiante, houbo que concretar que tipo de actuacións se podían facer tendo en conta a situación sanitaria do resto dos territorios (de onde poden vir os espectáculos) así como os espazos a ocupar en toda a cidade para evitar aglomeracións, e aforar todos estes lugares… En fin, está sendo moitísimo máis traballo que nunhas festas normais con miles de persoas nas rúas. Sen dúbida, é un enorme traballo cun grandísimo resultado do equipo de Festas do Concello.

En que se basearon para elaborar o programa e actividades?

— A programación pivota en distintos piares: espectáculos locais e galegos en exclusiva para pular polo sector cultural do país e dinamizar a economía local o máximo posible; aforamento dos espazos de espectáculo; actuacións itinerantes de rúa (pasacalles, A Rebulir…) que non se deteñan nun punto senón que sigan a súa andaina por toda a rúa; diversificar as actuacións en todos os barrios para evitar aglomeracións; e prescindir de certas citas que sabemos que supoñen unha gran concentración de persoas como as atraccións de feira.

Requeriu maior implicación de persoas na organización?

— De persoas e de horas de traballo. Ter activos 13 escenarios nun so día, supón unha coordinación de persoas e de equipos que non se recorda no Concello.

Serán espectáculos locais e galegos en exclusiva para pular polo sector cultural e dinamizar a economía

De todas as actividades programadas cales requiren de maior atención e dedicación para cumprir cos requisitos de seguridade?

— Todas aquelas que supoñen maior número de persoas: as actuacións nos escenarios aforados. Pero as medidas de seguridade son tantas e hai tantas garantías que nos teñen chamado doutros concellos preguntando como é o noso protocolo: entrada, alfombras hixiénicas, máscaras, limpeza de mans, asentos separados, os asistentes non se poden mover até a saída (agás que as persoas queiran marchar antes), saída distinta á entrada, e desinfección de escenarios, camerinos, cadeiras e recinto dos espectáculos antes e despois das actuacións.

Normalmente un evento de este tipo require de moita seguridade. Este ano se prevé todavía maior?

— Si, como dixen, reforzouse para garantir todos os protocolos de seguridade e hixiene relativos á Covid.

Ten tempo de gozar das festas?

— Sempre se goza das festas, aínda que se estea traballando. Vou a todas as actividades que organizamos, dende as infantís até as de adultos, e aínda que vou cunha actitude distinta a do resto dos veciños e veciñas, está claro que sempre acaba sendo gratificante dun xeito ou outro.

As medidas de seguridade son tantas que nos chaman doutros concellos preguntando polo noso protocolo

Que lle pode dicir a todos aqueles que teñan medo de acudir ás actividades por mor a aglomeracións ou a que se descontrole a situación? Pode dicir que será seguro?

— Si, claro. Todas as actividades organizadas pola Concellaría de Festas en relación ao programa de verán contan con todas as medidas de seguridade e hixiene esixidas, e incluso imos máis aló. Poden asistir con total tranquilidade, e así os animo. Pero tamén lles pido que acaten todas as medidas de control e prevención que esiximos, porque queremos gozar das festas dunha maneira segura.

Hai eventos importantes e que son parte da tradición das festas, como a Batalla de flores, que este ano non se van festexar. Cal é o motivo?

—Pois este ano en consonancia con todas as medidas de seguridade e prevención derivadas da Covid-19 non se puido facer. É preciso evitar aglomeracións e garantir que en todas as actividades se poidan manter as distancias sociais esixidas.

O perfil de Carme da Silva
Carme da Silva (Pontevedra 1966) é concelleira na cidade desde o ano 1995. Na actualidade é responsable das áreas de Protección Cidadá Servizos e Festas. No periodo de 2015-2019 foi tamén tenente de alcalde. Foi deputada no Parlamento Galego en dúas ocasións, entre 2005 e 2009 e entre 2012 e 2013. Nas eleccións xerais de abril de 2019 encabezou a lista do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra. Carme da Silva forma parte da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego

Comentarios