Carmela Silva apela á sensibilidade "abolicionista" de Abella para pechar os prostíbulos

Reclama unha liña de axudas para paliar a situación de vulnerabilidade dese colectivo de mulleres
Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, apela  á "sensibilidade abolicionista" da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, para que os prostíbulos se inclúan na orde de restricións da Xunta fronte ao coronavirus e se proceda ao seu peche.

"É intolerable que se tomen decisións moi restritivas para sectores fundamentais da nosa economía mentres os clubs de alterne e prostíbulos permanecen abertos", sinala Silva nunha carta enviada á responsable do departamento autonómico de Igualdade.

A xuízo da presidenta da Deputación, este debe ser o "primeiro paso" para o "peche permanente" deste tipo de establecementos, que considera unha "verdadeira lacra" á hora de lograr unha sociedade "xusta e igualitaria".

A dirixente socialista recorda que estes establecementos "son un foco de contaxio", con casos xa rexistrados na provincia de Pontevedra, polo que insta á Xunta a "actuar con rotundidade" para protexer a mulleres "que son escravas e vulnerables".

Neste contexto, Carmela Silva reclama ao Goberno galego que active unha liña de axudas económicas para paliar a situación de vulnerabilidade deste colectivo de mulleres.

Silva espera que esta petición "non caia en saco roto", xa que recorda que a secretaria xeral de Igualdade, "por enriba de cores políticas", xa expresou publicamente a súa posición "rotunda" contra os prostíbulos e os clubs de alterne. "Esa posición abolicionista ten que ir acompañada de actuacións", conclúe a presidenta da Deputación.

Comentarios