Carmen Fouces: "Pontevedra era un referente cultural e queremos seguir séndoo"

O que máis lle preocupa é que a cidadanía poida seguir investindo en cultura unha vez remate o confinamento. "Porque o público que temos é escaso e empobrecido. Xa o era antes da crise, agora máis", di Carmen Fouces
Carmen Fouces, concelleira de Cultura. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Carmen Fouces, concelleira de Cultura. GONZALO GARCÍA (ADP)

Cos aforamentos reducidos a un terzo, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces (Vigo, 1965), quere reabrir o 25 de maio o Pazo da Cultura e o Teatro Principal de Pontevedra. É o primeiro paso para a recuperación da programación dunha cidade cunha forte pegada cultural que se enfronta ao reto de manter vivo o seu tecido artístico e creativo tras o confinamento. O obxectivo de Fouces é conxugar o apoio ao sector coa recuperación do público. E reflexiona sobre un cambio de modelo. "Non son boas as políticas culturais que o fían todo aos macroeventos. Nun tecido cultural como o noso funcionan como depredadores".

O Concello vén de anunciar que recuperará a súa programación cultural o 25 de maio. Vai ser posible programar espectáculos no Pazo da Cultura ou no Teatro Principal cun terzo do aforamento, como indica a norma do Goberno?
En principio, seguindo esa normativa que se avanzou, si. Do que se trata agora é de ver se iso lle é rendible ás compañías. Nós o que imos facer é tratar de negociar con elas. Si que é verdade que á programación que non asume o Concello na súa totalidade, refírome ás compañías e artistas aos que só se lles cede o espazo e van á billeteira, haberá que darlle unha volta. Evidentemente non lles vai compensar a venda de entradas. Precisamente, o que estamos facendo neste momento é unha análise polo miúdo de todas as propostas da nosa programación para ver que podemos facer: negociar os cachés, buscar alternativas...

Cambios e avances
"Durante o verán, o Pazo acollerá unha gran mostra de pintura, e o concerto de The Jayhawks adiouse ao ano que vén"

Unha desas alternativas, segundo avanzou o seu departamento, podería pasar por organizar varias funcións nun día.
Exacto. Pero todo dependería da viabilidade da proposta e do acordo ao que se chegara coa compañía e co artista. Ao Concello tamén lle interesa estirar o orzamento do que dispón todo o que poida, para chegar ao maior número posible de actuacións, de públicos e de datas. É dicir, a nós interésanos que as compañías, os eventos e os espectáculos vaian adiante, pero tamén nos interesa que o público o poida gozar. Se non, non ten sentido. Son dúas cousas complementarias. Por iso temos que dar coa mellor fórmula posible para enfrontar a situación.

O Concello tamén avanzou que, ata o momento, só se adiara a 2021 un concerto internacional. O de The Jayhawks do ciclo Voices?
Efectivamente, ese. A promotora xa nos comunicou que o grupo non saía de xira este ano. Queda posposto para o ano que vén.

E sobre o resto da programación pode avanzar algo?
Agora mesmo, como digo, estamos avaliando como podemos facer fronte a estas novas circunstancias, como podemos montar este puzzle. Queremos que todo o que se leve a cabo conte coas máximas garantías tanto para os profesionais como para o público. Entre outras cousas, estamos traballando nunha gran exposición de pintura para o verán. Veremos como se poderá facer, pero queremos sacala adiante: quizais abrindo a sala máis horas, quizais controlando o acceso...

Novas fórmulas
"A Xunta fiouno todo aos grandes eventos do Xacobeo e non hai plan B. A ver se agora se comeza a traballar na proximidade"

Dende o sector cultural, clave na vida de Pontevedra, vénse avisando do importante pau económico que supuxo esta alerta sanitaria. Vaise poder recuperar a situación previa á alerta sanitaria?
Para contestar a isto, máis que referirse a Pontevedra, hai que facelo a todo o territorio. Somos un país moi pequeno, de menos de tres millóns de persoas. O público que temos é un público escaso e empobrecido. Xa o era antes desta crise, agora máis. Desa premisa temos que partir. E de que a estrutura cultural do país é moi feble, nacida dunha política cultural clientelar e pobre, e de anos de desidia. Un só concello pouco pode facer para reflotar a cultura do país, pero dende logo que imos estar aí arrimando o ombreiro. Pontevedra era un referente cultural e queremos seguir séndoo. Pero o contexto hai que telo claro. No medio de todo isto, as administracións públicas teñen que ofrecer liderado, expectativas e esperanzas. Nós, no noso ámbito local, podemos tratar de amainar a treboada. Pero o ideal aquí sería facer unha proposta a nivel país, de reflote cultural. Porque este tipo de crises, que son malísimas en xeral, tamén nos colocan ante unha aceleradora de mudanzas. É dicir, debiamos facer da necesidade virtude. Tiñamos que ser conscientes de que levabamos unha inercia mala e aspirar a resetear para empezar a construír realmente o edificio da cultura galega con pés firmes. Hai que traballar en acompañamento, en programas de mediación e de residencias, en programas pedagóxicos, de creación e de investigación... O mesmo que se fai no campo da ciencia, o que sería os piares da estrutura, a base. E, despois, o desenvolvemento debería correr a conta das empresas, das produtoras, das compañías, etc. En Pontevedra estamos traballando nun plan de relanzamento da cultura. E temos moi claro que imos contar con todo o sector: coa música, co teatro, coa literatura, coas artes, coas novas tecnoloxías, coa moda... con todos. Sabemos que vai ser complicado, que hai que readaptalo todo ás novas circunstancias, pero aí imos estar pelexando porque sabemos que isto vai para longo.

Marcos Rivas, o xerente da sala Karma e promotor de festivais como o Surfing the Lérez ou o Galegote Rock, comentaba hai uns días que quizais era o momento de buscar novas fórmulas no ámbito cultural: abandonar os eventos masivos e apostar por pequenos formatos. Concorda con el?
Si, eu penso que as cousas poden ir por aí. Non hai máis que ver o que acaba de pasar en Galicia. A Xunta fiábao todo este ano aos grandes eventos multitudinarios do Xacobeo. Iso veuse abaixo e non hai plan B. Supoño que estarán tratando de salvar algo ou sacar algunha cousa, pero, en xeral, quedou reducido todo a unha verdadeira catástrofe. A miña opinión é que hai que traballar máis no ámbito da proximidade. Con todo, eu non creo que vaian a desaparecer esas macropropostas. Dentro de dous ou tres anos seguramente volverán con forza. Sen embargo, para min, salvo contadísimas excepcións, ese tipo de formatos non soen ser moi enriquecedores. Sobre todo para un tecido cultural como o noso. Aquí funcionan como depredadores. Non, baixo o meu punto de vista, non son boas políticas culturais as que o fían todo a eses grandes eventos. Nin en épocas de bonanza, nin moito menos agora.

Cal é a súa maior preocupación agora mesmo como concelleira de Cultura de Pontevedra?
Que a xente poida volver adquirir cultura. Que a cidadanía teña capacidade para investir en cultura. Non vale de nada que nós tratemos de relanzar ás empresas culturais, se a xente despois non pode acceder aos produtos. E eu non estou a favor da cultura gratuíta. Estou a favor da cultura accesible, pero non de balde.

De feito, o Concello insistiu neste confinamento en que seguíu pagándolle ás compañías e artistas que ofreceron propostas na versión dixital do Salón do Libro.
Por suposto. Porque a cultura ten un valor e hai que pagalo. A min disgustoume bastante ver a cantidade de propostas culturais que se regalaron estes días porque si. E entendo que a xente ten ganas de expoñer o que fai, claro que si, pero tamén penso que é perigoso fomentar a idea de que iso é gratis, de que se fai de forma altruísta. É un debate complicado.

Comentarios