domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

O "cártel dos camións" indemnizará con 45.000 euros a un empresario pontevedrés

Cadena de montaje de los camiones Iveco en Madrid. DP
Cadea de montaxe dos camións Iveco en Madrid. DP
É a primeira sentenza de Galicia pola manipulación de prezos dos fabricantes da UE 

O Xulgado do Mercantil número 1 ditou a primeira sentenza de Galicia contra o demoninado "cártel dos camións", integrado polos principais fabricantes de camións de Europa (Daf, Daimler-Mercedes, Iveco, Man, Renault-Volvo e Scania), que entre 1996 e 2011 pactaron un sobrecusto dos prezos e anularon a competencia entre marcas. Unha manobra ilegal que a Comisión Europea descubriu en 2016 e sancionou con máis de 3.800 millóns euros.

Por mor desas millonarias multas aos fabricantes, abriuse a opción de que multitude de particulares que adquiriran algún camión de máis de seis toneladas durante eses 15 anos presentase unha demanda polos prexuízos que lles causou a manipulación.

Foi o caso dun empresario pontevedrés, defendido polo bufete Rodríguez e Nogueira Avogados, que acaba de gañarlle o pulso legal a Iveco pola compra de cinco camións no ano 2009 por un importe superior aos 400.000 euros.

A empresa decidiu non comparecer e a sentenza ditada o pasado 30 de agosto fixa unha indemnización para o empresario de 32.000 euros, aos que hai que sumarlles os intereses devengados desde a data de compra. A cifra final rolda os 45.000 euros.

Javier Nogueira, un dos letrados que capitaneou a demanda, admite a dificultade do caso, "por canto houbo que ter en conta o dereito internacional e a reclamación de danos foi completa de determinar". A maiores, os representantes do afectado tiveron que superar os reveses administrativos causados polo Goberno español, que non transcribiu a tempo a directiva de Competencia.

As marcas que integran o "cártel dos camións" aglutina o 95% do mercado, polo que Javier Nogueira considera que hai miles de potenciais prexudicados que poderían secundar a iniciativa do seu cliente e demandar ao fabricante ao que lle adquiriron un camión entre 1996 e 2011. "O noso despacho comprométese a non cobrarlles nin un euro ata que teñamos unha sentenza ao noso favor. O cliente só debería facerse cargo das costas do proceso", puntualiza.

DÚAS DE CAL, UNHA DE AREA. E é que non todas as demandas prosperan. As primeiras sentenzas contra o "cártel dos camións" en España comezaron a ditarse a finais de 2018. Un Xulgado de Murcia estimaba a reclamación presentada por unha empresa transportista contra unha das marcas participantes na trama e condenábaa a indemnizala con 148.680 euros.

A sentenza desataba a euforia dos miles de transportistas que interpuxeran demandas similares, pero a súa alegría diluíuse semanas despois, cando tanto o Xulgado mercantil Nº1 de Murcia como o de Zaragoza fallaban a favor dos fabricantes denunciados, desestimando ambos as demandas. É dicir, a Xustiza daba aos compradores unha de cal e dúas de area.

No entanto, o precedente que senta agora o Xulgado do Mercantil de Pontevedra pode reactivar as querelas. Nogueira apunta que "moitos compradores non exerceran accións legais ata agora ben por descoñecemento, ben porque o custo da acción. Pero pensamos que iso pode cambiar xa".

O "cártel dos camións" indemnizará con 45.000 euros a un empresario...
comentarios
ç