A Casa da Luz ofrece a ocasión de 'Beber do País'

35 adegas celebrarán o fin de semana un túnel do viño para dar a coñecer os 'caldos' que se elaboran nas distintas comarcas galegas
Un racimo en una plantación pontevedresa
photo_camera Un racimo en una plantación pontevedresa

Os amantes do viño e os que non o son tanto terán unha oportunidade única este fin de semana para degustar e descubrir os distintos caldos que se elaboran en Galicia.

A Casa da Luz acollerá o certame Beber do País, un túnel do viño galego no que 35 adegas darán a coñecer as súas creacións. A mostra incluirá caldos das cinco denominacións de orixe recoñecidas en Galicia (Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei), pero tamén elaboracións artesás e caldos de tres Indicacións Xeográficas Protexidas. Entre elas estará incluída Ribeiras do Morrazo, a marca que está a piques de ser recoñecida pola Unión Europea e que reúne producións da propia Pontevedra, Vilaboa, Poio, Marín, Bueu, Cangas, Moaña e Redondela.

Como resultado, estarán representadas todas as comarcas vitivinícolas da comunidade autónoma por unha ou dúas adegas, o que ao mesmo tempo permitirá pór o acento na diversidade de caldos existente en Galicia.

Por cinco euros os visitantes poderán catar todas as elaboracións das adegas participantes no certame

O evento está organizado pola Asociación Galega de Viticultores e a Federación Rural Galega, en colaboración coa Concellería de Promoción da Cidade do Concello pontevedrés. O "túnel" estará operativo o sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. A entrada será de cinco euros e dará dereito á adquisición dunha copa serigrafiada para a ocasión coa que os participantes poderán degustar os viños que consideren.

O domingo o horario será de 12.00 a 14.00 horas e os usuarios terán a posibilidade de participar ás 12.30 horas nunha cata guiada dos viños participantes por un custo de 10 euros.

A concelleira Anabel Gulías incidiu en que a mostra permitirá expor e favorecer o consumo "de produtos do país, que son de alta calidade e competitividade". E non só entre os profesionais do sector, senón entre toda a cidadanía que queira descubrir o potencial que teñen as viñas da terra.

POTENCIAL. O catador experto en viños galegos Antonio Portela subliñou a variedade de viños que estarán dispoñibles no certame e a propia diversidade existente agora mesmo en Galicia, onde os viños artesáns e os viños de autor están a coller impulso á marxe dos das denominacións. "É un bulir extenso, porque temos moita potencialidade e riqueza", manifestou durante a presentación do tunel celebrada onte no Consistorio.

Ao fío disto último, o catador fixo fincapé en que o corpo dos caldos galegos ha deixado de estar centrado na gradación alcohólica e o sabor "madereiro". Agora expira moitas outras sensacións que saben ao "Atlántico", a "sal" e moitos outros dos ingredientes que compoñen Galicia.