viernes. 23.07.2021 |
El tiempo
viernes. 23.07.2021
El tiempo

Case a metade dos pacientes covid ingresados en Montecelo teñen menos de 60 anos

undefined
Profesionais sanitarios, este luns, na porta de entrada de Urxencias de Montecelo. DAVID FREIRE
Entre os hospitalizados recentemente hai varios casos "sen ningunha enfermidade de ningún tipo". Os diagnósticos entre maiores de 80 anos "baixaron de xeito drástico respecto de hai un mes"

O perfil dos pacientes covid que están a sufrir máis de cerca a pandemia segue o ronsel da terceira onda. A súa idade media é moito máis baixa que cando o virus irrompeu por primeira vez na área sanitaria, ata o punto de que máis da metade dos pacientes que están agora mesmo ingresados na UCI ten menos de 60 anos e cerca do 40% dos que están hospitalizados en planta convencional tamén están por baixo desa franxa.

"Temos pacientes de menos de 50 e varios de entre 50 e 60 anos", apunta o coordinador de ingresos na área médica de Montecelo, Juan Turnes, tamén membro do comité clínico da Xunta e xefe de Dixestivo.

Á parte da idade, unha porcentaxe importante dos contaxiados que están hospitalizados presentaban antes da infección un bo estado físico ou, polo menos, libre das patoloxías que se consideran de risco para sufrir complicacións coa covid. Na cuarta onda mantense a máxima de que "a enfermidade é máis grave en persoas que teñen máis idade, en homes respecto de mulleres e en persoas con certas patoloxías, como as enfermidades metabólicas, como poden ser a obesidade, a diabetes ou a hipertensión". Con todo, "algúns dos que ingresan non teñen ningunha enfermidade previa de ningún tipo". "Se un ten factores de risco ten máis posibilidades de ter a enfermidade máis grave, pero non telos non significa estar a salvo. Non hai certificado de tranquilidade. A tranquilidade é estar vacinado e evitar contaxiarte", subliña o especialista.

INGRESOS. Do mesmo xeito que a curva de contaxios, a presión hospitalaria segue aumentando na área sanitaria. O parte oficial facilitado este luns polo Sergas reflicte que nas unidades de críticos de Montecelo continúan ingresados cinco pacientes coa enfermidade activa e un número sen cuantificar que xa negativizou o virus, pero que seguen lidando coas súas secuelas. A estes súmanse outros 27 pacientes covid que están ingresados en planta, un máis que os notificados o sábado e seis máis que ao comezo da Semana Santa.

Os modelos matemáticos debuxan tres escenarios posibles para os próximos días: estabilidade, melloría ou incremento rápido de casos

Os datos invitan a falar de repunte, aínda que en palabras de Turnes trátase dun incremento "pequeno", que incluso podería minguar coas altas previstas. A cuarta onda aínda está noutra fase, a primeira, e que fundamentalmente consiste no crecemento dos novos diagnósticos. O reconto deste luns arroxou 448 casos activos, case o dobre dos que se contabilizaban o Xoves Santo (229) e a previsión é que se repita o modelo das ondas anteriores, de modo que posteriormente subirán as hospitalizacións e logo os ingresos en UCI.

MAIORES DE 80. Entre os pacientes diagnosticados recentemente "hai persoas vacinadas" fronte á covid, pero se hai algo que percibiron os expertos da área sanitaria é que "o número de casos novos en maiores de 80 anos baixou de xeito drástico, e non só respecto de hai dous ou tres meses, senón respecto de hai un mes", indica Turnes.

A redución de casos neste segmento poboación é especialmente relevante, tendo en conta que é a que concentra maior taxa de letalidade por covid. E obviamente a vacina ten moito que dicir sobre isto. Case o 100% dos maiores de 80 anos da área sanitaria recibiron a primeira dose e algúns xa teñen a pauta completa.

Turnes non ten constancia de ningún caso con esta idade que estea ingresado no CHUP e precisa que todos os octoxenarios e nonaxenarios diagnosticados recentemente de covid (dos que ten información) "son casos que recibiron a segunda dose un día antes de contaxiarse ou que están pendentes da segunda. É dicir, que non estaban totalmente protexidos fronte á enfermidade, pero si protexidos fronte á gravidade da infección".

As residencias da área sanitaria son outra testemuña do escudo que proporcionou a vacina á poboación veterana. Todas seguen libres de covid desde principios de ano.

"Sorprenderíame un incremento importante, tanto no número de casos novos como de ingresos", di Turnes

FUTURO. Os antecedentes espertan a dúbida de como evolucionará a cuarta onda, pero segundo explica o doutor Turnes a pregunta acepta agora mesmas varias hipóteses.

Os modelos matemáticos cos que traballa o comité clínico da Xunta adoitan prognosticar con bastante fiabilidade como evolucionará a pandemia a sete ou dez días, pero neste caso "a proxección non é robusta". Fundamentalmente, porque "non hai moitos casos" activos, o que dificulta facer cábalas. Actualmente, eses modelos debuxan tres escenarios: "Que nos manteñamos igual cunha tendencia a subir durante unha semana máis pero levemente, que melloremos a situación ou que rexistremos un incremento máis rápido de casos".

Turnes non se aventura a facer quinielas sobre cal destas proxeccións pode dar no cravo, aínda que si mantén a súa perspectiva optimista. "O que si me sorprendería é un incremento importante, tanto no número de casos novos como no número de ingresos, porque aínda que non se alcanzou o obxectivo de ter a todos os maiores coa pauta completa, coa primeira dose xa se obtén protección fronte á enfermidade", conclúe o especialista.

Case a metade dos pacientes covid ingresados en Montecelo teñen...
comentarios
ç