Paloma Castro: "A culpa non é do líder, senón desta situación excepcional"

O número tres da candidatura do PSOE pecha filas con Gonzalo Caballero, do que di que ten "liderado, capacidade e proxecto", e con Pedro Sánchez, sobre o que asegura que ten "sintonía total" coa dirección dos socialistas galegos
202007141333493425
photo_camera Castro con Caballero e Ábalos no peche de campaña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Un sabor "agridoce". Iso é o que lle deixou a noite electoral a Paloma Castro, que asegura que o mellor da xornada foi a subida do seu partido na provincia, de catro a seis escanos. E o peor: a cuarta maioría absoluta do PP de Alberto Núñez Feijóo.

A número tres da candidatura socialista por Pontevedra pecha filas con Gonzalo Caballero, que logrou 15 deputados en toda Galicia, os mesmos que en 1997 acadou o entón candidato á Presidencia da Xunta Abel Caballero, tío do líder do PSdeG e actual alcalde de Vigo. Unha destas prazas está pendente do reconto do voto exterior, que podería decantar a balanza cara ao PP, unha situación que os populares dan por feito.

De confirmarse este escenario, os socialistas pecharían o 12-X con 14 parlamentarios, os mesmos que obtivo Xoaquín Fernández Leiceaga nos comicios autonómicos de 2016, nos que o PSOE selou o peor resultado nunhas autonómicas desde a restauración da democracia.

"A culpa non é do líder, senón desta situación excepcional, que non nos permite valorar os resultados con obxectividade", asegurou Castro en referencia á celebración das eleccións galegas no medio da pandemia sanitaria polo coronavirus. "Nós temos un bo líder, que foi referendado pola militancia", subliñou.

A futura parlamentaria, que se estreou na política local en 2015, insiste en que Caballero ten "liderado, capacidade e proxecto" para facer oposición ao Goberno do Partido Popular. "Traballaremos duro por Pontevedra e por esas promesas incumpridas de Feijóo. E sempre a favor dos cidadáns, dos servizos públicos e dos dereitos sociais", subliña.

A candidata socialista tamén manifestou o seu respaldo a Pedro Sánchez, ao que unha avaría no avión impediu acudir ao peche de campaña que o PSdeG. O seu lugar ocupouno o ministro José Luís Ábalos. "O presidente veu dúas veces a Galicia. Nesta ocasión non puido ser. A sintonía con el é total", dixo sobre a relación do xefe máximo do PSOE coa dirección galega.