sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Catafís para fisgar: así é o Google Maps PTV

Pontevedra, ayer y hoy
Imaxes desde 1956 ata a actualidade. CATAFÍS
O Concello lanza unha ferramenta en liña que recolle a cartografía de Pontevedra, datos do padrón, imaxes antigas e actuais da cidade e ata un perfil do centro en tres dimensións

Un Google Maps feito en Pontevedra e sobre Pontevedra. Así podería definirse Catafís, a nova ferramenta lanzada este mércores polo Concello de Pontevedra para achegar á cidadanía datos cartográficos e do padrón. Xa se pode consultar na web catafis.pontevedra.gal e recolle multitude de recursos útiles á hora de realizar proxectos técnicos que requiran un estudo do territorio. "Queremos democratizar o acceso á información para poñela en valor, aforrando trámites innecesarios ao poder consultala en liña", contaba a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías.

Porén, a plataforma ofrece tamén detalles curiosos para quen queira "fisgar" na cartografía da Boa Vila. "Un Catafís para que a xente se converta en catafisgóns e catafisgonas", explicaba a concelleira nacionalista durante a presentación.

A creación desta plataforma, que segundo a concelleira do BNG virá acompañada do futuro lanzamento dunha app para acceder a ela dende teléfonos móbiles, busca camiñar cara a transparencia e a modernización dos datos dos que dispón o Concello. Deste xeito, a ferramenta conta con múltiples capas nas que consultar mapas da cidade superpoñendo as referencias e planos do catastro, detallando os nomes da rúas e os números de cada inmoble ou permitindo medir distancias e calcular desniveis entre distintos puntos xeográficos.

Ademais, do mesmo xeito que o xigante Google, Catafís conta con imaxes a pé de rúa dos espazos céntricos da cidade recollidas por unha empresa especializada. "Fíxose un traballo para borrar os rostros das persoas que aparecen nas imaxes, así como das matrículas", explicaba onte o informático municipal Gonzalo Agra.

[Perfil en 3D do centro de Pontevedra. DP]

Perfil en 3D do centro de Pontevedra. DP

Catafís ofrece tamén datos actualizados do padrón, que inclúen número de habitantes por sexo e unha pirámide de idade. Do mesmo xeito, en relación ao padrón, queda reflectida a densidade de poboación en diferentes puntos do municipio mediante un mapa de calor que distribúe por cores as zonas máis habitadas e, pola contra, as que contan con menos concentración de poboación.

Nos mapas rexístranse e xeolocalízanse tamén os lugares onde están ubicados os 79 semáforos do concello, os 34 puntos de compostaxe indicando as súas características básicas, así como os centros de ensino cos seus correspondentes números de teléfono, os pasos peonís, os 13 aparcamentos disuasorios co número de prazas das que dispoñen, as paradas de taxi e os parques infantís co detalle das características e tamaño de cada un deles. Por outra parte, Catafís delimita o Camiño de Santiago e detalla a titulariedade dalgunhas das estradas que  discorren por Pontevedra, aclarando se pertencen á Administración central, á Xunta ou ao propio Concello.

O nome da ferramenta, Catafís, é o topónimo dun lugar de Ponte Sampaio situado nun punto alto que permite ver boa parte da xeografía do municipio

Un dos apartados máis curiosos é o que recolle imaxes da vista aérea da cidade en diferentes momentos, dende 1956, para comparalos coa fotografía actual. Con esta ferramenta obsérvase de xeito rápido e visual os cambios que foi sufrindo a cidade co paso do tempo.

Por último, o equipo do servizo de Informática do Concello, que elaborou ao completo a ferramenta lanzada onte á rede, deseñou un perfil en tres dimensións da cidade de Pontevedra que se pode descargar, aproximando a imaxe ou volteándoa para observar nunha maqueta en 3D os inmobles que conforman o centro da Boa Vila.

O NOME. A concelleira Anabel Gulías explicou que o nome da plataforma é un topónimo da parroquia de Ponte Sampaio. "É un lugar destacado pola súa altitude e o nome fai referencia á cantidade de rochas que hai na contorna. Pensamos que esta plataforma ten como obxectivo achegar datos entre moita información, o que podería compararse cun terreo con moitas rochas, pero facelo dende un punto alto é máis fácil", dixo.

Para escoller o nome, foi fundamental a colaboración do servizo de Normalización Lingüística, que traballa no rexistro da toponimia do Concello.

Na creación desta plataforma colaboraron ademais outros servizos achegando os datos precisos ao departamento de Informática, que coordinou a creación da base de datos á que, tal e como anunciou onte Gulías, está previsto seguir engadindo capas con máis achegas. "A finalidade é, en definitiva, ofrecer a información que ten o Concello a quen lle interese", dixo Gulías.

O padrón municipal rexistra 44.235 mulleres fronte a 40.078 homes
Mapa de calor
A plataforma en liña do Concello amosa tamén un mapa de calor no que se pode comprobar a densidade de poboación no municipio. En tonos laranxas e vermellos aparecen as zonas nas que hai maior concentración de veciños e veciñas, fronte aos tonos amarelos e verdes, que sinalan os puntos menos densos.

Como é previsible, o centro da cidade ten a maior concentración de persoas, unha densidade que se mantén ao outro lado do río, na contorna da Avenida de Coruña, no barrio do Burgo. As parroquias están en tonos máis claros, aínda que destacan as cores laranxas de Lourizán, Lérez ou Mourente. Canto máis lonxe se sitúen os núcleos do centro da urbe, os tons vanse volvendo amarelos.

A pirámide poboacional co rango de idades por sexo dos veciños de Pontevedra aparece reflectida tamén en Catafís, que ofrece datos do padrón actualizado. Neste sentido, Pontevedra conta a día de hoxe con 84.313 veciños empadronados, dos cales 44.235 son mulleres e 40.078 son homes. O maior volume de poboación por grupos de idade confórmano os veciños de entre 45 e 49 anos.

A forma da pirámide de idades de Pontevedra é regresiva, de xeito que a base (formada polas persoas de menos idade) é máis estreita que outras zonas máis altas que representan a grupos de maior idade. Se ben Pontevedra segue a ser a cidade máis nova de Galicia, a baixa natalidade queda patente nos datos que ofrece a plataforma.

No cumio da figura, entre os máis veteranos da Boa Vila, o padrón municipal achega o número de centenarios que viven a día de hoxe no concello. Son 47, das cales 36 son mulleres e once homes. No outro extremo, os nenos e nenas de cero a catro anos suman 2.897.

Catafís para fisgar: así é o Google Maps PTV
comentarios
ç