Cazarreferentes 3.0

Novas e activistas ▶ Tres mozas publicistas lanzan dende Pontevedra unha campaña nas redes para inspirar aos máis mozos a cambiar o mundo. Dez referentes galegos do activismo social en campos como o feminismo, a ecoloxía ou os dereitos LGTBIQ+ son os protagonistas
Lara Fandiño, Yanina Alfaya e Nuria Grandío. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lara Fandiño, Yanina Alfaya e Nuria Grandío. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tres mozas á procura da inspiración. Así podería resumirse o proxecto que levan a cabo Lara Fandiño, Yanina Alfaya e Nuria Grandío. Youth can act, a inicitiva que levan a cabo en Pontevedra, busca referentes no activismo social para difundir proxectos e formas de pensar que poden cambiar o mundo. "Decatámonos de que moita xente nova non fai cousas porque non ten referentes, por iso quixemos atopar a xente que nos conte a súa historia e as súas crenzas a través dunha campaña nas redes sociais", explican as rapazas.

Activistas do colectivo LGTBIQ+, do movemento ecoloxista, xente que loita polos dereitos das persoas con diversidade funcional ou que esixen un futuro feminista compoñen unha librería humana que recolle experiencias inspiradoras na plataforma Instagram para facer chegar aos públicos máis novos a través do perfil @youthcanact. "Escollemos a dez persoas que en Galicia poden ser referentes polo seu activismo e imos publicando as súas experiencias en Instagram coa finalidade de crear conciencia", explican. 

Entre eles, mozos e mozas moi novas que forman o colectivo pola igualdade Neofem, xurdido no IES Luís Seoane de Monte Porreiro. "Son rapaces e rapazas de 16 anos ou menos porque é un proxecto no que participa todo o centro", explican. Deste xeito, os membros do colectivo Iria e Pablo foron os primeiros protagonistas do citado perfil de Instagram. "¿Que por qué me mueve por dentro el feminismo? Porque veo día a día las desigualdades a las que nos enfrentamos las mujeres", explica Iria no video elaborado pola campaña para difundir nas redes. 

Tamén Martín, pertencente ao grupo polos dereitos LGTBIQ+ Avante forma parte da campaña das mozas reivindicando que «é así como se cambian as cousas: facendo pequenos pasos no teu entorno». Outros protagonistas da conta son Somalia, unha moza con diversidade sensorial que se enfronta ás barreiras sociais que se lle impoñen a ela e a outras personas con capacidades diversas.

Pendentes de publicar están as historias de Tamara, de Vigo, que ten un perfil de Instagram para concienciar da pegada do consumo de carne no planeta e facilita a dieta a persoas que queren ser veganas, ou a de María Lusquiños, que exerce o que ela denomina ‘activismo de vida consciente’. "Trátase de que asumamos e coñezamos as consecuencias de todos os nosos actos do día a día, como consumir certos produtos ou non reciclar", indican as mozas. 

A conclusión tras reunir o perfil de dez persoas de menos de 30 anos comprometidas co activismo foi que, aínda que non se vexan, si existen persoas novas comprometidas coa xustiza social. "Queriamos que esa xente nova que si que se implica se vise representada", explican. 

Pero que a campaña se difunda polas redes sociais non quere dicir que non teña un reflexo tanxible na vida real. As tres mozas teñen previsto tamén realizar charlas en institutos e mesmo instalar unha exposición na cidade de Pontevedra

"Queriamos que esa xente nova que si que se implica se vise representada"

De feito, unha das cuestións determinantes á hora de seleccionar aos protagonistas da campaña, que viven en diferentes concellos de toda Galicia, foi que o impacto do seu activismo fose máis alá das redes sociais. "Descartamos algunhas opcións de persoas que se adicaban a facer simplemente historias de Instagram, os activistas cos que falamos son persoas que divulgan a información, escriben, teñen blogs ou participan en asociacións e iso é moi importante, porque loitan contra a desinformación, por iso as redes sociais son unha ferramenta moi importante", explican. 

Tras o deseño e a posta en marcha da campaña, Lara, Yanina e Nuria considéranse xa activistas. "A mellor forma de facer activismo é  dar voz a quen non pode tela e iso é o que tratamos de facer aplicando os nosos coñecementos en Publicidade", rematan.

Comentarios