CC OO di que en Príncipe Felipe apagan a calefacción de noite e de día fai frío

O sindicato sinala que varios traballadores están de baixa por enfermidade por mor da situación no centro

Cidade Infantil Príncipe Felipe. RAFA FARIÑA
photo_camera Cidade Infantil Príncipe Felipe. RAFA FARIÑA

Comisións Obreiras denunciou este mércores publicamente que, a pesar das temperaturas baixo cero que se rexistraron nos últimos días en Pontevedra, na Cidade Infantil Príncipe Felipe a calefacción "apágase entre as dez da noite e as seis da madrugada" e durante o día mantense "a unha temperatura moi baixa, o que fai que os nenos sentan frío, do mesmo xeito que o persoal que traballa nos distintos servizos", segundo afirmou o portavoz do sindicato na Deputación, José Ramón Piñeiro.

O sindicalista indicou que o frío é aínda maior por mor de que se trata dun edificio de grandes dimensións e "sen illamentos térmicos", o que provoca que os menores e o persoal educativo "teñan que soportar un ambiente nocturno absolutamente insalubre". Ademais, indicou que a situación "coincidiu coas festas do Nadal, nas que estes nenos pasan as vacacións lonxe das súas familias, co que se debería de tratar de que as condicións ambientais fosen agradables e que non tivesen que soportar o frío".

A situación é insostible e insalubre e non é de recibo que os nenos e o persoal estean así

Ademais, CC OO xustificou que a situación xerada por escatimar o aceso da calefacción levou a varios traballadores do centro a coller baixas por enfermidade. "Supomos que a presidenta, a deputada delegada e a dirección do centro non soportarán nas súas casas ese frío nin de día nin polas noites e invitámoslles a que pasen unha soa noite no centro para que poidan comprobar a situación", indicou Piñeiro.

A Sección Sindical solicitou á dirixente da Deputación, Carmela Silva, e á deputada Eva Vilaverde que "non recorten o gasto nas cuestións esenciais e prioritarias, porque se está xogando coa saúde dos menores e dos traballadores", engadiu. "Recordamos á presidenta e á deputada delegada que teñen a responsabilidade de velar polo benestar dos menores acollidos na Cidade Infantil e de esixir á empresa que cumpra as condicións do contrato, mantendo a temperatura interior adecuada para que os nenos e o persoal non pasen frío e non necesiten roupa de abrigo para permanecer nas instalacións do centro con risco de contraer enfermidades".

Para concluír, Comisións esixiu á institución provincial e á dirección de Príncipe Felipe que se acendan os radiadores de noite e auméntese a temperatura durante o día, "porque a situación é insostible e insalubre e non é de recibo que os nenos e o persoal estean así".

Comentarios