viernes. 21.02.2020 |
El tiempo
viernes. 21.02.2020
El tiempo

O centro de Pontevedra segue sendo socialista mentres o rural dá fol ao PP

Electores votando nun dos colexios de Pontevedra. JAVIER CERVERA
Electores votando nun dos colexios de Pontevedra. JAVIER CERVERA
Nunha mesa do Centro Leste, Vox empatou co PSOE como forza máis votada, mentres A Canicouva volveu ser do BNG

Máis aló dos resultados xerais do municipio de Pontevedra, os veciños do centro urbano e do rural seguen expresando tendencias diferenciadas á hora de acudir ás urnas. Analizando os resultados das mesas adiantados o luns por Diario de Pontevedra, resulta claro que nos colexios electorais da cidade o PSOE conseguiu duplicar o número de apoios obtidos polo PP. Aínda que os populares experimentaron un repunte bastante significativo con respecto aos comicios de abril, converténdose na primeira forza en algo máis dunha vintena de mesas, os socialistas foron os líderes en case 40. Como casos máis significativos, chaman a atención o folgado triunfo do PP no colexio de Campolongo (onde tamén exerceu o seu dereito ao voto Ana Pastor) e o do PSOE no Centro Social do Gorgullón e o albergue de peregrinos.

No entanto, a brecha entre os dous partidos estréitase considerablemente nas parroquias. Alí, populares e socialistas repartíronse os colexios electorais case a partes iguais. O partido do puño e a rosa foi o máis votado en Salcedo, Mourente, Marcón, A Devesa, Lérez, Xeve, Ponche Sampaio e Estribela (aínda que neste último caso por moi pouca diferenza). Pola súa banda, os populares arrasaron en Bora (quedaron con 131 dun total de 378 votos) e tamén triunfaron en Tomeza, Campañó, Cerponzóns, Verducido (aínda que por moi poucos votos de diferenza co PSOE) e tamén en Lourizán, onde foron o partido maioritario a pesar da polémica sobre a depuradora.Na Seca as dúas formacións empataron e os electores de Monte Porreiro inclinaron a balanza cara ao lado socialista.

Á marxe dos dous partidos máis votados, o esborralle de Ciudadanos foi xeneralizado en Pontevedra (onde mellor mantivo o tipo foi en Marcón); o BNG volveu triunfar na Canicouva, Podemos obtivo o seu mellor saldo no Gorgullón e Vox conseguiu ser a primeira forza, empatado a votos co PSOE, nunha das mesas do Centro Leste.

O centro de Pontevedra segue sendo socialista mentres o rural dá...
Comentarios