Preto de 450 casas de Marcón poderán conectarse á traída municipal

O Concello aproba o proxecto para que a parroquia estree rede de abastecemento de auga ►As obras durarán dous anos e custarán algo máis de 4,3 millóns de euros
Operarios de Viaqua. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Operarios de Viaqua. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello aprobou o luns un novo proxecto para ampliar a rede de abastecemento de auga no rural. Trátase das obras que levarán a traída municipal á parroquia de Marcón. A actuación contará cun orzamento de 4.337.626,97 euros e terán un prazo de execución de 24 meses.

Viaqua será a empresa encargada de facer estes traballos, incluídos nas melloras do novo contrato da auga, do que é adxudicataria. E farao co obxectivo de facer chegar este servizo de primeira necesidade a un total de 448 vivendas, que xa non precisarán os pozos privados para garantirse a subministración.

A portavoz municipal, Anabel Gulías, reiterou que esta actuación ratifica "o compromiso deste Goberno co rural". O visto e prace ao proxecto por parte da Xunta de Goberno local dá vía libre á concesionaria para iniciar as obras, por cuxas posibles molestias pediu desculpas anticipadas a edil nacionalista.

As preto de 500 casas que poderán estrear abastecemento público de auga potable estarán situadas nos núcleos de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba, A Barcia, A Cardosa, Ría de Abaixo. Tamén chegarán a unha parte da parroquia de Mourente, concretamente ás aldeas de Freixeiro, A Raxeira e Moldes.

As dúas zonas que quedarán excluídas deste proxecto son as de Pintos e A Peralba. Gulías asegurou este luns que o Concello xa busca alternativas para que estes núcleos da parroquia de Marcón poidan acceder á rede.

A Peralba e Pintos serán os dous únicos núcleos aos que non chegue a subministración por un problema de cota. O Concello buscará alternativas

O motivo de que se lles deixou fóra ten que ver cun problema de cotas. Ambos os lugares atópanse a unha altura superior á do depósito de Castro Senín, que é desde onde sairá a auga que chegue á vivenda.

A de Marcón non é a única obra hidráulica aprobada polo Goberno local. O outro gran investimento que fará Viaqua no rural afecta á parroquia de Mourente, onde se atopa a citada estación. Neste caso, o obxectivo é que a traída municipal chegue a máis vivendas: 610 en total. Estarán situadas nos núcleos da Igrexa, Boza, Casas Novas, O Pazo, Cons, Carabelos, A Bouza, A Condesa e Eirós.

Este último proxecto, que conta cun orzamento de 4.614.231,28 euros e un prazo de execución de 20 meses, tamén dará servizo á futura ampliación de Montecelo e á Cidade Infantil Príncipe Felipe.

O proxecto, que desenvolverá Viaqua dentro do contrato da auga, dará continuidade á traída a Mourente, o Gran Montecelo e Príncipe Felipe

ANTES DE 2022. Na actualidade, o Concello ten aprobadas xa intervencións que superan os 8,9 millóns de euros en materia de abastecemento, o que supón case un 30% dos 30,2 millóns de euros que Viaqua gastará para completar a traída municipal no rural.

A concesionaria do servizo da auga tamén investirá máis de 25,6 millóns en levar o saneamento ás parroquias. Deberá facelo antes de 2022, como establece o contrato.

Comentarios