Cerponzóns engrosa o seu patrimonio cultural cun libro de máis de 500 motes

Recarey insiste na necesidade de conservar esta maneira de coñecerse
Libro de apodos de los vecinos de Cerponzóns. D.P.
photo_camera Libro de alcumes dos veciños de Cerponzóns. D.P.

A parroquia milenaria de San Vicente de Cerponzóns deu un novo paso na recuperación do seu patrimonio cultural -neste caso inmaterial- coa recompilación, nun libro, de máis de 500 motes cos que eran coñecidas (ou o son na actualidade) persoas desta zona do rural.

A publicación, da que é autor Juan José Esperón Recarey (ou Roque da Rons) está a ser distribuída entre os veciños da parroquia con motivo do 40 aniversario da asociación O Chedeiro.

"Este traballo realízoo coa intención de recordar polo seu alcume a unha parte dos veciños que viviron ou viven na nosa parroquia ao longo dos anos. Desculpo a aqueles que tomen a mal que o seu alcume apareza nesta lista, ao final comprenderán que todos temos algún e por moito que non queiramos, témolo, uns máis bonitos que outros seguramente, ata queu que teño un par deles oficialmente e algún máis terei por aí rodando que non sexan precisamente dos máis bonitos...", sinala Esperón.

O autor indica que "non debemos deixar que se vaia perdendo este xeito de coñecernos, inda cada vez usar menos, pero aínda así é un patrimonio cultural que debemos conservar".

Tres meses de traballo recompilando os alcumes deu como resultado unha lista na que figuran sobrenomes como, por exemplo, os de araña do cu verde, Biri Biri (polo parecido físico dun veciño a un xogador do Sevilla do ano 73 que tiña ese nome), caixa na man, caixa na saia, o crecho, o cura, o fojóno gento (palabra que usou un escolar para referirse ao fento cando o seu profesor lle preguntou por que non acudira o día anterior a clase, e este díxolle que fora a apañar gento, nun intento de explicarllo en castelán).

Ademais, case todos os lugares da parroquia usáronse para pór alcumes como o da Bouza, o de Pidre, o do Bravo, o do Campo, o da Cañota ou o do Castrado. E incluso perdura algún que fai referencia a lugares que xa non existen, como o de Cernadelo.

No libro tamén figuran os relativos ao país ou localidade de procedencia, con alcumes como o americano, os andaluces, os asturianos, o Coruña, o portugués e os da vila.

O barbeiro, a carteirao da funeraria e o sancristán son outros dos sobrenomes.

Comentarios