Cerponzóns estrea o autobús polo que esperaba desde facía 25 anos

A liña 4, que acababa na parroquia de Alba, inclúe desde este luns as paradas situadas nos núcleos de Pidre, A Rons e Tilve
Parada de autobuses de Pontevedra. SARA MOLDES (ADP)
photo_camera Parada de autobuses de Pontevedra. SARA MOLDES (ADP)

Os veciños de Cerponzóns teñen desde este luns unha maior oferta que lles permitirá utilizar o autobús como medio de transporte. A liña 4 de Monbús, que cobre o traxecto entre a Estación de Autobuses e o cruzamento de Alba con San Caetano (na parada de O Mirador de Alba), comezou ás 6.55 horas a recoller pasaxeiros nas paradas de Pidre, A Rons (onde está situado a ponte Malvar) e Tilve (Casa Falcón).

Trátase dunha vella demanda que se remontaba ao ano 1995, cando a asociación O Chedeiro solicitou por escrito que o autobús recollese usuarios de Cerponzóns no seu traxecto cara a Alba.

"Levabamos esperando por este servizo desde fai 25 anos, cando as anteriores directivas efectuaran xestións para evitar que os veciños de Cerponzóns tivesen que desprazarse ata a parada situada en O Mirador de Alba, onde o antigo trole finalizaba o seu traxecto", explica Liliana Casas, presidenta da entidade parroquial.

Desde 2017 unha liña continua nese punto da N-550 (estrada de Santiago) impide ao autobús efectuar o xiro en dirección a Pontevedra, obrigándoo a seguir cara a Cerponzóns. Foi entón cando os veciños insistiron no reivindicación ante a Xunta e a empresa que cobre a liña 4 de transporte de viaxeiros, aínda que a aceptación da proposta dependía do permiso dos organismos competentes para a modificación do traxecto. "Coa redistribución das liñas que efectuou a Administración autonómica volvemos reclamar a posta en marcha do servizo", subliña Liliana Casas. Ademais, anuncia que seguirán solicitando que a liña de transporte chegue ata o lugar de A Hermida, onde se atopa o acceso á igrexa parroquial.

MÁS PARADAS. O autobús de Monbús para desde este luns nas paradas situadas na marxe esquerda da calzada en dirección a Santiago, aínda que a asociación O Chedeiro solicitou á empresa que estude a posibilidade de habilitar algunha parada na marxe dereita "para evitar que a xente que utiliza o autobús (sobre todo nenos e xente maior) teña que cruzar a estrada, co perigo que iso entraña".

Os veciños recordan que o servizo que comezou a prestar Monbús complementa o que vén realizando a empresa A Estradense."Coa ampliación dos horarios —sinala Liliana Casas—, os residentes na parroquia poden deixar o coche en casa e aforrarse o diñeiro que se gastan nos aparcadoiros de pago da cidade".

Comentarios