Chamada de atención ao sector téxtil sobre o idioma

Anabel Antela publica un estudo que conclúe que a situación do galego na industria da moda é "alarmante". A Mesa e a Deputación de Pontevedra apoian a publicación do traballo académico
undefined
photo_camera Xosé Bahamonde, Anabel Antela, María Ortega e Marcos Maceira (de esquerda a dereita), este mércores, na Deputación. RAFA FARIÑA

Unha análise da comunicación das grandes marcas de moda galegas levou a alumna da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra Anabel Antela a concluír que a situación do galego no sector téxtil era "alarmante". Segundo indica, os datos extraídos da súa investigación académica subliñan que esta industria "ten aínda unha tarefa pendente e moi urxente coa lingua".

A Mesa Pola Normalización Lingüística, a través do seu presidente, Marcos Maceira, e a Deputación de Pontevedra, a través da deputada provincial de Lingua, María Ortega, arrouparon este mércores a presentación dun volume baseado no estudo de Antela, A lingua galega no sector textil. Visión, opinión e posicionamento da xeración millenial galega, que conta co apoio das dúas institucións.

María Ortega: "O galego non só nos vale para falar no furancho, tamén vale cando falamos de ciencias ou de marcas comerciais"

"Todos estamos afeitos a que o uso da lingua sexa habitual cando se fala de cultura, tradicións e folclore. Pero o galego non só nos vale para falar no furancho, tamén vale cando falamos de ciencias, de marcas comerciais ou cando imos ao banco", explicou María Ortega, en palabras facilitadas pola Deputación Provincial.

Antela analizou 16 marcas e grupos galegos que facturan máis de 10 millóns de euros. Todas empregan o castelán como lingua vehicular e, aínda que todas son galegas, só as de Inditex ofrecían a posibilidade de empregar o galego.

A análise tamén achega que, das 16 marcas, só sete citan vínculos con Galicia e fano de xeito anecdótico, apenas para sinalar lugar de nacemento do deseñador ou momento de apertura.

Xosé Bahamonde: "A lingua é clave para a marca Galicia. O empresariado ten que ser consciente de que ten un activo no idioma"

Neste sentido, o director do estudo e ex decano de Ciencias Sociais, Xosé Bahamonde, destacou que "o galego é fundamental para a marca Galicia e que a sociedade reclama máis o uso do idioma, que identifica coa orixe dos produtos que merca", informou a Deputación. "O empresariado ten que ser consciente de que ten un activo no idioma", dixo Bahamonde.

Igualmente, Marcos Maceira identificou o uso do idioma propio cos países máis desenvolvidos, "como por exemplo Noruega, Suecia ou Finlandia".

Comentarios