O CHUP detectou sete cancros de colon en 786 probas realizadas en 2020

O Servizo de Dixestivo detectou e extirpou 213 lesións premalignas no seu plan de cribado
JAVI Hola, tengo concertado un repor a las 11.30 en el provincial. Puedes poner la previa? pero a ver. Si no, os aviso a primera hora para suspenderla
photo_camera Laboratorio do Hospital Provincial, onde se analizan as mostras do plan de cribado. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ARQUIVO)

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemora este xoves o Día Mundial contra o Cancro. Con este motivo, o Servizo de Aparato Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) dedica esta xornada á prevención precoz de cancro colorrectal, o tumor máis frecuente nos países desenvolvidos.

Segundo precisa a Administración sanitaria, o 85% destes cancros orixínanse nun pólipo intestinal (adenoma) que maligniza nun período de ata dez anos. A detección destes pólipos no Programa de cribado de cancro de colon evita a súa evolución a un cancro. "Detectar esta patoloxía en fases iniciais mellora de xeito substancial o seu prognóstico e supervivencia, incrementando así as posibilidades de curación. De feito, está demostrado que este tipo de programas poden diminuír a mortaldade ata nun 35%", subliña o CHUP.

Durante 2020 e a pesar da pandemia, o Servizo de Aparato Dixestivo mantivo —fóra de marzo, abril e a metade de maio— o programa de detección precoz de cancro colorrectal que estaba en marcha. Das 9.601 persoas que invitou a participar no programa aceptaron 4.150 (un 43% de participación). Efectuáronse 786 colonoscopias grazas ás que se detectaron sete cancros e, ademais, detectáronse e extirparon 213 lesións premalignas.

O servizo aspira a aumentar a súa actividade un 40% este ano

Para este ano, coa intención de recuperar a actividade que se viu afectada pola situación epidemiolóxica actual, o citado Servizo sanitario contempla aumentar a súa actividade nun 40% e, deste xeito, asumir todas as convocatorias que se puideron ver afectadas pola pandemia en 2020. Este incremento da actividade, destaca o CHUP, poderá efectuarse "grazas a que o servizo ten as listas de espera máis baixas dentro dos servizos de Dixestivo de toda a Rede Sanitaria Pública galega".

CaixaBank e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) lanzaron este mércores unha campaña para recadar fondos para a investigación científica do cancro e axudar á asistencia a enfermos e familiares.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional contra o Cancro, CaixaBank informa nunha nota de prensa de que, para reavivar a investigación sobre o cancro, que coa pandemia se viu prexudicada, os clientes da entidade interesados poderán realizar achegas económicas a través das apps de CaixaBankNow e imagin e da web corporativa. A campaña finalizará o 15 de febreiro, Día Internacional do Cancro Infantil.

A AECC avoga por axuntar "esforzos para eliminar desigualdades" 
A AECC, con motivo do Día Mundial Contra o Cancro, pide un acordo para que pacientes e familiares poidan facer fronte á enfermidade en igualdade de condicións. Para Carmen Abeledo, presidenta provincial da AECC, é fundamental "axuntar esforzos para eliminar as desigualdades que existen fronte ao cancro e reducir a vulnerabilidade da poboación con cancro que se viu agravada pola pandemia. Non debemos esquecernos das máis de 6.000 persoas que foron diagnosticadas o ano pasado na provincia, que necesitan do noso apoio agora máis que nunca para paliar o impacto emocional, económico e sanitario que sofren tras o diagnóstico e vivindo en tempos de coronavirus". 

Concello, Deputación, Sexto Edificio do Museo, ponte do Burgo, igrexa da Peregrina e Hospital Provincial iluminaranse este xoves de verde, a cor característica da AECC, en apoio ao labor que desenvolve esta institución.

Comentarios