O CHUP propón medir os anticorpos para chequear as defensas fronte ao coronavirus

O xefe de Pneumoloxía móstrase optimista ante a escalada de tratamentos que se están probando con relativo éxito
un domingo cualquiera en montecelo
photo_camera Un paciente este domingo no acceso a Montecelo por Urxencias. DAVID FREIRE

No medio dun moderado optimismo por mor dos últimos datos de ingresos e altas, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) continúa innovando na súa loita contra o coronavirus. Unha das iniciativas previstas é medir os anticorpos no sangue dos pacientes de Covid-19 para chequear as súas defensas fronte ao coronavirus, segundo explicou o xefe do Servizo de Pneumoloxía, Adolfo Baloira.

"Non é o mesmo ter unha boa cantidade de anticorpos, que debilitan a capacidade de contaxio" que todo o contrario, apunta o doutor. "É moi probable que o poidamos poñer en marcha nos próximos días".

Esta medición, sumada á PCR (reacción en cadea da polimerasa, técnica de laboratorio que permite amplificar pequenos fragmentos de ADN para identificar os xermes microscópicos que causan a enfermidade), servirá para aumentar a seguridade do paciente "e para comprobar que xa non vai contaxiar" unha vez superada a Covid-19.

O doutor Baloira referiuse tamén aos fármacos que se están probando en distintas parte do mundo e que fan albergar esperanzas. É o caso dun antiparasitario que se vende en todo o mundo (invermectin) e que pode matar o novo coronavirus en 48 horas segundo as evidencias atopadas por expertos australianos ou outros que se utilizaban para enfermidades minoritarias. É o caso da hidroxicloroquina, "da que varios laboratorios poderían fabricar entre 10 e 15 millóns de doses mensuais", e doutro fármaco pensado para a artrite reumatoide.

"Temos fundadas esperanzas", apuntou o doutor, aludindo tamén a un estudo que se iniciou durante o brote de ébola, "que entón non logrou conclusións reais, pero en doce semanas poderiamos ter algún resultado. Non chegaría a tempo para estes momentos de crise, pero o teriamos para outra onda, que a haberá, e poderá ser moito máis contida. Este virus -sostén- chegará para quedar".

Están pendentes dalgún novo fármaco en fase de ensaios e da posibilidade de utilizar o plasma de pacientes que superaron a enfermidade

PLASMA. No CHUP tamén se está "acelerando" unha escalada de tratamentos que inclúe análises, ou tratamentos biolóxicos específicos que cortan a resposta á inflamación.

"Tamén estamos pendentes dalgún novo fármaco en fase de ensaios clínicos e da posibilidade de utilizar o plasma que contén os anticorpos que desenvolven os pacientes que xa superaron a enfermidade", unha iniciativa que xa se está probando no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Baloira apuntou tamén que no CHUP "non hai un perfil" concreto de paciente que ingresa coa Covid-19, aínda que "por baixo dos 50 anos a cifra é escasísima" e que, segundo confirman varios estudos, "en xeral é moito máis grave en función da idade. Cada ano aumentan as posibilidades de falecer nun 10%".

Así, de darse un prototipo, a maioría de pacientes teñen entre 60 e 65 anos e o virus ataca máis frecuentemente a homes. Así mesmo, aínda que en planta "é máis variable", os ingresados na UCI adoitan ter patoloxías previas.

¿Como actuar? 
O contaxio do coronavirus prodúcese polas gotiñas da tose e os estornudos ou tras tocar superficies contaminadas e levar as mans aos ollos, o nariz ou a boca. 

¿Que consellos seguir? 
Lave as mans con frecuencia. Cubra a boca e o nariz ao esbirrar. Tosa no cóbado ou sobre un pano de usar e tirar. Evite tocar a boca, nariz e ollos coas mans. Manteña unha distancia de seguridade de metro e medio ou dous metros. Evite saír á rúa. 

¿Cales son os síntomas? 
Tose seca, febre e dificultades para respirar. 

900 400 116 
En caso de sospeita ou ante calquera dúbida sobre posibles síntomas de coronavirus chame ao 900 400 116. É gratis. 

061 
Se o caso é grave pode utilizar o número de urxencias do 061. Pero só se é grave.

Comentarios