A evolución do Covid-19, que segue en expansión pese ao confinamento, empuxou ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chup) a contemplar todos os "escenarios sanitarios hipotéticos". Entre eles, "escenarios extremos" como podería ser o dun posible cheo absoluto das camas dos tres hospitais públicos que abarca o complexo (Montecelo, Provincial e Salnés) e o esgotamento das prazas do hospital privado Quirónsalud Miguel Domínguez, de titularidade privada.
Baixo esta previsión solicitou autorización á Subdelegación do Goberno para que, no caso de que sexa preciso, poida ocupar o antigo hospital da Escola Naval Militar de Marín, pechado hai anos.
Supéranse os cen ingresos e alcánzanse as 16 altas, mentres outros 240 pacientes superan a enfermidade na súa vivenda
As instalacións contan cunha capacidade para cen pacientes e, de poder ser utilizadas, destinaríanse a persoas en estado "prealta", é dicir, que "superaron a fase aguda da enfermidade" pero que necesitan seguir hospitalizadas. Así, o complexo disporía de máis camas nos centros anteriormente citados, que quedarían reservadas para os enfermos con cadros máis complexos ou graves.
O antigo hospital militar non ten actividade sanitaria, pero si está acondicionado para actuar como un reforzo hospitalario. A solicitude para dispor do mesmo foi cursada de forma verbal o pasado 24 de marzo e reiterada este luns por escrito. Os responsables do complexo esperan que a resposta, que depende do Ministerio de Defensa, sexa "positiva".
HABILITAN O SERVIZO DE REHABILITACIÓN COMO UNIDADE PARA PRÓXIMAS HOSPITALIZACIóNS
O Servizo Galego de Saúde, Sergas, enviou ao Chup 15 camas móbiles para aumentar a capacidade de hospitalización de Montecelo. Estas foron instaladas no servizo de Rehabilitación, que empezará a funcionar como unidade apta para ingresos.
A previsión é que o Sergas envíe a próxima semana outras dez máis.