A cidade de Pontevedra perdeu 1.400 empregados públicos en só un ano

Xubilacións e vacantes sen cubrir pasan factura ás administracións, nas que cada vez é máis necesario unha substitución xeracional
Sede del Servizo Galego de Colocación de la Xunta de Galicia en la calle Benito Corbal. GONZALO GARCÍA
photo_camera Sede del Servizo Galego de Colocación de la Xunta de Galicia en la calle Benito Corbal. GONZALO GARCÍA

A sanidade pública é unha das áreas nas que resulta máis evidente a carencia de persoal. Xubilacións de médicos que non se cobren, baixas e vacacións para as que non hai reposto, escaseza de especialistas como pediatras... No entanto, o problema non é exclusivo do ramo sanitario, senón que se dá na maior parte das administracións, aínda que non sexa de forma tan sanguenta. E non é porque non haxa aspirantes desexando conseguir un posto no sector público, senón porque o Estado e a Xunta (por citar aos principais provedores de traballo público) non convocan todas as prazas que farían falta para equilibrar a balanza entre os que saen e os que entran.

Só na cidade de Pontevedra hai contabilizados agora 1.400 traballadores públicos menos que hai un ano. Así o revela a última Enquisa de Poboación Activa, segundo a cal, no primeiro trimestre de 2021 había 9.500 asalariados das Administracións e nos mesmos meses deste ano, 8.100, é dicir, case un 15% menos.

Máis rechamante aínda resulta o caso de Santiago de Compostela, a capital galega do funcionariado, que no último ano perdeu 5.100 empregados públicos (un 30,7%); e tamén Vigo ten agora 3.200 menos (un 15%). Así mesmo, en Lugo a baixada foi do 10,4%, ao perder 1.400; e en Ourense do 8%, o que no seu caso supón a desaparición dun milleiro de traballadores. Entre as sete grandes cidades galegas, tan só A Coruña e Ferrol contan actualmente con máis asalariados ao servizo da Administración (2.400 e 700 máis, respectivamente, o que supón subidas do 13% e do 12%).

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) advertiu xa de que se empezou a destruír o emprego público creado durante a pandemia, concretamente 7.300 postos no primeiro trimestre do ano no conxunto de España, fundamentalmente na sanidade e servizos sociais, na Seguridade Social (3.600) e en empresas públicas.

XUBILACIÓNS MASIVAS

 Respecto diso da necesidade da substitución xeracional, un exemplo claro é o dos médicos. Dos 4.827 que están colexiados na provincia pontevedresa, o 48% (2.296) teñen máis de 56 anos e un número importante están ou deberían estar a un paso de colgar bátaa: 820 teñen entre 61 e 65 anos e 1.022 (o 21%) superan os 66.

E o exemplo vai moito máis alá. Segundo CEAC, un dos centros líderes de formación para o emprego, "os datos estatísticos mostran que máis do 50% dos empregados públicos en España, algo máis dun millón de funcionarios, cumprirán a idade de xubilación entre este ano e o 2030", o que dá unha media de máis de 120.000 xubilacións cada ano.

Pero a situación non é nova. é máis, por mor de xubilacións e outras vacantes non cubertas, hai unha década había na capital do Lérez 1.500 empregados públicos máis que agora.

UN DE CADA CATRO

 Aínda así, a Administración segue sendo un dos maiores nichos laborais en Pontevedra, pois a cuarta parte da poboación ocupada maior de 16 anos na cidade corresponde a asalariados do sector público. Basta con comparar a cifra de funcionarios coa de autónomos ou empresarios, xa que os primeiros suman 8.100 persoas, fronte ás 4.700 que teñen unha empresa ou traballan por conta propia. E iso contando só aos veciños empadroados en Pontevedra que traballan na Administración tanto nesta cidade como noutras. Se o cálculo realízase sobre os funcionarios que desenvolven o seu labor na Boa Vila vivan ou non aquí, a cifra é aínda maior. De feito, neste caso supera as 12.400 persoas.

Concretamente, o Sergas emprega a máis de 3.000 cidadáns no distrito sanitario (3.059 no pontevedrés e 565 no Salnés), a Brilat supera as 2.000 contratacións, a Comandancia da Garda Civil e a Comisaría da Policía Nacional contan con 1.600 e 215 prazas, respectivamente; no ámbito educativo traballan 1.350 individuos nos distintos centros de ensino de Pontevedra, a maiores dos 421 que o fan no Campus; a Deputación ten en persoal a 620 funcionarios e 459 traballadores laborais; a Xunta emprega na Boa Vila a algo máis de 1.000 persoas (das que 846 teñen praza consolidada); o Concello da capital dispón dun cadro de persoal de 525; a Subdelegación do Goberno conta con 665 traballadores públicos en Pontevedra, a área xudicial suma preto de 400 que principalmente actúan nos Xulgados da Parda e a Audiencia Provincial, e Correos dá traballo a preto de 150 traballadores con praza fixa e unha media de 20 empregados temporais ao mes.

Cuestión aparte é a eventualidade. Segundo denuncia CSIF, a temporalidade na Administración sitúase no 32,4 %, 12 puntos por encima do conxunto do mercado laboral.

comentarios